O PP seguiu beneficiando os promotores de Someso nuns terreos cuxa reparcelación é nula
A Coruña, 15 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que apoiou e amosou no seu día a súa satisfacción pola incoación da investigación sobre o caso Someso. E isto, a pesar de non terse ampliado a investigación nos termos indicados polo BNG na súa emenda de mellora á moción aprobado polo Pleno da Corporación municipal o día 16 de xaneiro de 2012. Tamén amosaron os nacionalistas a súa satisfacción estes días coa comunicación do remate das investigación, solicitándolle ao mesmo tempo ao Goberno municipal que fixer público de inmediato o seu resultado para coñecer se os principais responsábeis da desfeita (Sr.Vázquez) e os beneficiaros (Sr. Fontela) tamén figuran.
Precisamente por todo isto, e sempre coa finalidade de que se depuren legalmente todas as responsabilidades e actos ditados ao respecto, o Grupo Municipal do BNG quere lembrarlle ao Goberno municipal do PP dous aspectos que, igualmente, son de suma transcendencia nas ilegalidades urbanísticas realizadas en Someso.
En primeiro lugar, os nacionalistas sinalan que unha eventual condena penal polos feitos denunciados levaría aparellada a incursión do acto administrativo (venta dos terreos municipais, proxecto de compensación, etc) nun suposto de nulidade de pleno dereito (en virtude do artigo 62.1.d) da Lei 30/1992) e, en consecuencia, a obriga da súa revisión de oficio polo Goberno municipal do Concello da Coruña. E, en segundo lugar, apuntan que se os feitos (venda do solo municipal, proxecto de compensación, etc) son constitutivos de delito, como é que o Goberno municipal do Partido Popular continuou executando actos administrativos que tiñan por obxecto actos que operan sobre terreos cuxa reparcelación é nula de pleno dereito (cancelación de cargas, outorgamento de licenzas, modificación de plans parciais, declaración de caducidade de licenzas entre outros moitos).
Por último, o Grupo Municipal do BNG salienta que mentres o PP gardaba silencio cómplice coa política urbanística perpetrada polo vazquismo e polos grandes promotores (Fontenla e compañía), o BNG era o único grupo que denunciaba o pelotazo da venda do aproveitamento municipal e o Convenio coa familia Yordi. Os nacionalistas lembran que cando a XGL rexeitou a solicitude de reversión dos terreos en Someso, o 05 de novembro de 2010, o BNG, que formaba parte do goberno, rexeitou a decisión absténdose nesta Xunta de Goberno Local.