O PP seguirá sen anular os estudos de detalle da Agra de Santo Amaro
A Coruña, 8 de abril de 2013.- O Goberno municipal non revisará os Estudos de Detalle de Santo Amaro. Así o confirmou esta mañá en sesión plenaria o concelleiro de Urbanismo na contestación á pregunta oral formulada pola concelleira nacionalista María Xosé Bravo. A edila do BNG comezou a súa intervención lembrando as iniciativas presentadas polas nacionalistas para a anulación destes instrumentos urbanísticos. En outubro de 2011, presentamos en Pleno a primeira moción para a anulación dos ED, moción que foi rexeitada polo PP; en novembro de 2011, presentamos dous escritos, dirixidos un á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e outro ao alcalde da Coruña, pedindo que se anulasen os estudos de detalle e o proxecto de compensación da Agra de Santo Amaro, peticións que tamén foron denegadas; o 14 de agosto de 2012, envíamos outro escrito ao alcalde no que explicabamos que non había nada que negociar cos promotores e se solicitaba un Pleno e en setembro de 2012 presentamos un rogo oral insistindo no mesmo, lembrou.
Bravo expuxo na súa intervención que os promotores non teñen dereito a indemnización nin a compensación ningunha, porque non patrimonializaron en prazo o aproveitamento que lles outorgaba o PXOM de 1998 e porque os ED foron aprobados de xeito ilegal polo vazquismo nos anos 2001 e 2002, ao careceren do preceptivo informe previo de Patrimonio e ao vulneraren o Plan Especial da Torre. Advertiu Bravo de que a única vía segura para evitar a responsabilidade patrimonial do Concello pasa por expulsar do mundo xurídico ambos os estudos de detalle.
A nacionalista, que lembrou que o BNG os ED foron aprobados 2001 e 2002, coa desestimacións das alegacións formuladas polo BNG, advertiu de que estes instrumentos urbanísticos foron redactados polo actual director da Área de Urbanismo do Concello da Coruña D. César Otero Grille. É iso o que explica que Vdes se neguen a revisión? Que o seu director de área non quere enfadar aos seus antigos patróns?, inquiriu Bravo, semellan vostedes máis interesados en defender os intereses dos promotores que en defender os intereses do pobo, sinalou a nacionalista, que emprazou o PP a poñerse do lado da veciñanza revisando de oficio os ED nulos de pleno dereito.
O convenio da FEMP coa banca só pon á disposición da Coruña tres pisos para persoas desafiuzadas
Pola outra banda, o Goberno municipal non lle explicou ao BNG como vai aplicar o convenio da FEMP e a banca sobre o fondo social de vivenda, un convenio, criticou Bravo, que é a única solución que propón o PP ao gravísimo problema dos desafiuzamentos. A concelleira do BNG censurou o funcionamento do proceso: primeiro, as persoas botadas da súa casa teñen que acudir ao banco que os embarga; a continuación, a entidade bancaria solicítalle un informe aos Servizos Sociais; e logo a entidade bancaria decide se es, ou non, a persoa idónea para ese aluguer. Isto significa que os Servizos Sociais do Concello da Coruña van traballar para a banca, a máxima culpábel da situación de crise que sufrimos e da burbulla inmobiliaria, salientou.
Engadiu Bravo que a entidade bancaria, que queda co diñeiro pagado, coa vivenda hipotecada e tamén pode quedar coa vivenda da persoa avalista, demanda as afectadas pola débeda pendente e agora cóbralles un aluguer por unha vivenda. Este xeito de proceder será legal pero é ilexítimo!, exclamou. Bravo denunciou que, ademais, o fondo de vivenda só pon a disposición da cidade da Coruña 3 vivendas, unha oferta manifestamente insuficiente.
A continuación, criticoulle ao Goberno municipal que renunciara á creación dunha comisión sobre desafiuzamentos na que estivesen incluídos os movementos sociais, tal e como lle pediu o BNG no Pleno de decembro, a través dunha moción que o PP impediu debater. Con quen están, Sr. Negreira, coa banca ou coas vítimas?, preguntou Bravo, quen cualificou de inhumano, inxusto e economicamente ruinoso rescatar a banca privada e non rescatar as persoas damnificadas pola burbulla inmobiliaria.
O Goberno municipal non explica por que o plan de acción polo emprego non incide nos sectores produtivos da Coruña
Pola outra banda, a concelleira nacionalista Avia Veira preguntoulle ao Goberno municipal por que motivo o o plan de acción polo emprego non incide nos sectores produtivos, cando a única maneira de saírmos da crise reforzados e creando emprego de calidade é apostarmos polos sectores produtivos. A edila do BNG apelou a mudar o modelo económico especulativo, que está máis que fracasado, que afonda nas desigualdades sociais e prexudica as maiorías sociais. Cómpre substituílo por un modelo económico máis xusto e sustentábel, baseado no desenvolvemento dos sectores produtivos e da sociedade da información e do coñecemento, sinalou.
Ademais, a nacionalista admitiu que ao BNG lle resulta compliado confiar no que recolle o plan de acción polo emprego, pois non concretan programas, accións e medidas de colaboración coa Xunta de Galiza. Non podemos crer nel porque nun primeiro momento soubemos del pola prensa e porque non foron quen de traer este plan ao Pleno para debatelo e posibilitar as achegas e as emendas da oposición, engadiu. Veira criticou que o plan apenas aluda aos sectores máis importantes para a nosa cidade: o sector pesqueiro e marisqueiro e a industria, abandonados polo Goberno municipal.
Tamén aludiu á situación de afogo á que se ven sometidas as persoas autónomas, prexudicadas pola gran carga impositiva que soportan e pola falta de oportunidades que conlevan os recortes do Partido Popular. Finalizou a intervención denunciando que o plan reduce a un apartado a cuestión de xénero: as desigualdades que sufrimos as mulleres á hora de acceder a un posto de traballo, de mantelo e as precarias condicións en que o facemos son incuestionábeis. No canto de recoller cando menos unha medida para corrixir estas desigualdes, vostedes cobren o expediente en base a unha suposta transversalidade que non está presente no plan, advertiu.