Bieito Lobeira e Goretti Sanmartín solidarízanse coas activistas de Velaluz

Bieito Lobeira e Goretti Sanmartín solidarízanse coas activistas de Velaluz

A Coruña, 6 de abril de 2013.- O secretario de Organización do Bloque Nacionalista Galego, Bieito Lobeira, e mais a secretaria de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín, visitaron esta mañá as activistas da asociación contra a violencia de xénero Velaluz, acampadas no Campo de Marte da Coruña desde o pasado xoves para denunciar o terrorismo machista e o sistema patriarcal.

Bieito Lobeira e Goretti Sanmartín, que estiveron acompañados da concelleira nacionalista María Xosé Bravo, chamaron a cidadanía a amosar unha actitude de tolerancia cero contra o silencio, porque o silencio nos fai cómplices. Nesta liña, reivindicaron combater o sistema patriarcal e a autonomía das mulleres, xa que só a través da súa autonomía, sinalaron, as mulleres poderán ter unha vida digna para saíren con garantías da situación de violencia.

En relación coa necesaria autonomía das mulleres para superaren a lacra da violencia machista, o BNG oponse ao recorte do 25% no salario da liberdade, a axuda de apoio ás vítimas da violencia de xénero. As nacionalistas rexeitan que a Xunta de Galiza recorte tamén na atención ás vítimas e critican a insensibilidade do Partido Popular, que desde as distintas Administracións está a desmantelar todos os avances que se deran en materia de igualdade e de protección para as mulleres vítimas da violencia machista.

As responsábeis do BNG, que advirten de que as políticas da dereita van encamiñadas única e exclusivamente a manter o patriarcado, consideran fundamental incrementar a dotación orzamentaria para o salario da liberdade, tendo en conta, ademais, que a crise agrava as situacións de violencia machista.

 

 

Bieito Lobeira e Goretti Sanmartín solidarízanse coas activistas de Velaluz