O PP négase a debater a moción d@s traballador@s de Emesa e presenta a súa propia iniciativa
A Coruña, 23 de decembro de 2013.- O Partido Popular impediu o debate da moción presentada polo BNG a instancias do Comité de Empresa de Emesa despois da reunión que mantiveron a semana pasada os nacionalistas cos traballadores, que se enfrontan ao despedimento coletivo que afecta a 48 empregados e un ERE temporal para 59. O Goberno do Sr. Negreira, que admitiu que nin sequera falou co Comité de Empresa, tombou a moción dos traballadores e atreveuse a presentar a súa moción, unha iniciativa presentada a escasos minutos de comezar a sesión plenaria e que contou coa abstención da oposición.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, expuxo que a moción levada a pleno polo BNG, que tamén presentou en forma de diferentes iniciativas no Parlamento de Galiza, solicitaba amosar o apoio do Pleno da Corporación ás reivindicacións do Comité de Empresa de Emesa; instar a Dirección e Consello de Administración da empresa a paralizar o despido colectivo en marcha e mais o ERTE e a garantir a carga de traballo da factoría; instar a Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias para garantir os postos de traballo da factoría e instar a Xunta de Galiza e o Goberno central a licitaren as obras públicas comprometidas e pendentes para que a empresa poida optar aos concursos.
Carril afeoulle ao Goberno do Sr. Negreira que fixera un copia e pega de pésima calidade da moción presentada polo Bloque e que omitira un punto fundamental da iniciativa traballada co Comité de Empresa, emprazar o Goberno galego e o central a licitar obras para que Emesa poida optar a concursos públicos. O portavoz nacionalista aproveitou a súa intervención para cargar contra a reforma laboral do Partido Popular, unha medida que ampara despedimentos como os que puxo en marcha Emesa.
O PP volve impedir o debate dunha moción de condena aos crimes do franquismo
O Partido Popular tamén tombou a moción do BNG en apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo. Non foi a primeira vez que o Goberno do Sr. Negreira impediu debater unha moción das nacionalistas para non ter que condenar a sublevación fascista e a ditadura posterior.
Nesta iniciativa, o Bloque tamén reclamaba a derrogación da Lei de amnistía de 1977 co fin de poder xulgar os crimes do franquismo no Estado español e que o Goberno do Sr. Negreira adoptase as medidas necesarias para garantir que as persoas represaliadas pola rebelión militar de xullo de 1936, polo réxime franquista e polo terrorismo de Estado puidesen exercer o dereito a coñecer a verdade sobre aquel réxime, para contrarrestar os intentos de reescribir a historia que veñen facendo por parte dos seus herdeiros. A moción do Bloque tamén perseguía a condena do papel xogado polas oligarquías agraria, industrial e financeira e pola xerarquía da Igrexa católica.
O Sr. Negreira non quere que a Xunta salde a débeda cos veciños e veciñas dun edificio de Novo Mesoiro
O PP tampouco permitiu a moción presentada polo BNG para instar a Xunta de Galiza a aboar, de inmediato, as cotas que lle adebeda á comunidade de veciñanza do edificio da rúa Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro, números 15-17-19-21, e a cumprir as súas responsabilidades adquiridas coma propietaria. A moción tamén reclamaba emprazar a Xunta de Galiza a cumprir e a facerlles cumprir ás persoas arrendatarias as obrigas básicas de uso e conservación das vivendas, os seus anexos e os elementos comúns do inmóbel e solicitaba que o Concello da Coruña, no seu papel de copropietario, rehabilitase, no prazo de seis meses, os baixos do edificio, e que os dotase dun mínimo equipamento. Ademais, urxía a Correos adecuar o local cedido polo Concello nese mesmo edificio.