O PP fai que o Concello asuma un risco económico innecesario no convenio do viveiro de empresas

O PP fai que o Concello asuma un risco económico innecesario no convenio do viveiro de empresas

A Coruña, 10 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o convenio asinado esta mañá polo alcalde para a creación dun viveiro de empresas supón un risco económico innecesario para o Concello. E é que, en virtude deste convenio, o viveiro de empresas podería pasar de custarnos 200.000 euros a 1 millón de euros. O convenio entre o Concello, a Cámara de Comercio e a Fundación INCYDE, ao que o BNG tivo acceso despois de que fora aprobado en Xunta de Goberno Local de 29.11.2013, sinala que o financiamento do convenio ascende a 1 millón, que será financiado ao 20% polo Concello (200.000 euros) e ao 80% (800.000 euros) pola Fundación INCYDE con Fondos FEDER. Porén, a cláusula décima do convenio advirte de que se o proxecto non for cofinanciábel polo FEDER, o Concello tería que asumir ese millón de euros.

O convenio pon de manifesto que “tendo en conta que o proxecto é executado polo Concello da Coruña baixo a súa responsabilidade, e que este é quen desenvolve a acción, conserva a titularidade dos viveiros e recibe o financiamento do proxecto de FEDER, se, pola configuración do proxecto de viveiro a desenvolver, ou por decisións, actuacións ou omisións non directamente imputábeis á Fundación INCYDE, a autoridade de xestión decidise que o proxecto, total ou parcialmente, non é cofinanciábel por FEDER, entón o Concello da Coruña aboaralle integramente á Fundación INCYDE o importe do reintegro que fose acordado, manténdoa indemne dado o seu estrito labor de coordinación”. É dicir, o Concello tería que aboar o millón de euros.

O propio interventor do Concello referiuse á incerteza do convenio nun informe, en que di que “se atendemos á literalidade da cláusula introduce unha certa incerteza en canto á valoración da oportunidade do proxecto e as consecuencias económicas que da mesma poderían derivarse”.

 

O PP fai que o Concello asuma un risco económico innecesario no convenio do viveiro de empresas