O BNG defende a sanidade pública ante a vaga privatizadora e de recortes do PP
A Coruña, 10 de decembro de 2013.- O BNG da Coruña apela á defensa da sanidade pública, de calidade e universal ante a estratexia premeditada do PP de recortes e privatización. As nacionalistas, que participarán na manifestación convocada para esta tarde (con saída ás 20h da Casa do Mar) pola CIG, CCOO, CESM e OMEGA, advirten do proceso de degradación ao que o PP está a someter a sanidade pública baixo a desculpa do aforro só co obxectivo de beneficiar as empresas e as aseguradoras privadas que fan negocio coa saúde.
O BNG salienta que, lonxe de supor un aforro público, os recortes do PP provocan un incremento do gasto en sanidade, pero na sanidade privada. As nacionalistas citan como exemplos de recortes na nosa cidade o peche da planta de medicina interna do Abente y Lago (con 25 camas pechadas), a derivación de pacientes á sanidade privada, os continuos colapsos das urxencias do CHUAC e o desmantelamento do edificio da Xefatura territorial de Sanidade.
O BNG tamén denuncia o copagamento dos fármacos hospitalarios para doentes crónicos, a privatización de probas complementarias e da alta tecnoloxía hospitalaria e a posta en marcha de áreas de xestión como novo mecanismo de privatización. Tamén forman parte desta vaga de recortes do PP a caída do 18% do orzamento en asistencia primaria (un total de 267 millóns de euros) desde que Feijóo ocupa a presidencia da Xunta e do 3% nos recursos para a asistencia médica especializada (64,5 millóns de euros menos) ou os 3.000 traballadores e traballadoras menos na sanidade pública (maioría por xubilacións anticipadas que o Sergas non cobre).
O BNG volve transmitir o seu total ao persoal sanitario que está en folga, unha acción de dignidade e de defensa non só das súas condicións laborais senón da sanidade pública de calidade para todo o pobo.