O BNG convida @s coruñes@s a comprar no pequeno e mediano comercio
A Coruña, 11 de decembro de 2013.- En plena campaña navideña, das máis importantes para o sector comercial, o Grupo Municipal do BNG chama os coruñeses e coruñesas a realizar as súas compras no pequeno e mediano comercio da Coruña e a elixir produtos galegos, pois achegan un plus de calidade e de servizo ao consumidor e consumidora e polo efecto multiplicador da economía local que ten o comercio tradicional e a produción de proximidade, ambos esenciais na economía da Coruña, sinalou esta mañá a concelleira Avia Veira en declaracións aos medios.
A concelleira nacionalista apuntou que o Bloque aposta polo comercio de proximidade e pola produción propia dada a súa capacidade de xerar emprego e porque os ingresos son reinvestidos tamén na economía local en lugar de ser expatriados cara a accionistas foráneos, como acontece coas grandes superficies comerciais, propiedade na súa maior parte de investidores alleos ao país.
Ademais, a edila nacionalista anunciou que o inicio dunha campaña do BNG para poñer en valor o servizo de calidade e personalizado do comercio tradicional e a calidade e sustentabilidade dos produtos locais, en particular os alimentarios. Apuntou que o pequeno e mediano comercio, un sector básico da economía coruñesa, precisa dun apoio público decidido para garantir a súa viabilidade no futuro. E este apoio, dixo, non se traduce en dilapidar cartos públicos, polo menos 140.000 euros, nun poboado lapón que, tal e como salientou o presidente da Federación de Comerciantes, non vai ter impacto positivo no comercio. Este apoio ten que traducirse en políticas públicas que faciliten a compra no comercio tradicional e non nas grandes superficies, engadiu Avia Veira que, precisamente, deu as declaracións diante do poboado lapón como mostra de protesta.
O BNG propón un banco de locais comerciais, liñas de crédito para o comercio tradicional con aval público, o fomento da compra de produtos locais con etiquetaxe en galego e a regulación dos horarios comerciais
A concelleira do BNG lembrou unha das medidas recollidas polas nacionalistas no programa electoral co que concorreron aos comicios municipais, o banco de locais comerciais, unha normativa de espazos comerciais orientada á procura da rexeneración do pequeno e mediano comercio nos barrios da cidade, con alugueres baratos. A situación desoladora que vive o comercio na Coruña non require de Laponias, require de medidas como a elaboración dunha listaxe de baixos comerciais, que inclúa os baleiros e en desuso, para a súa oferta en réxime de aluguer barato, subliñou.
Avia Veira afirmou que a campaña que vai emprender o BNG reclamará o estabelecemento de liñas de créditos prioritarias para pequeno e mediano comercio con aval público, o fomento da compra de produtos locais con promoción da súa etiquetaxe en galego e a regulación dos horarios comerciais a prol da normalidade das xornadas laborais, tanto de empregados e empregadas como dos e das comerciantes e negocios familiares.
Por último, a concelleira do BNG aludiu á implantación continuada de grandes superficies, cada vez de maior tamaño, favorecida pola lexislación do Goberno central sen respectar as competencias galegas; a lei de horarios comerciais, que xa ten provocado a supresión dunha parte importante do comercio tradicional, coa conseguinte destrución de emprego e a concentración da distribución de alimentos a favor dos produtos foráneos.