O PEPRI segue a apostar fundamentalmente polo urbanismo á carta
A Coruña, 22 da xaneiro de 2015.- Malia ter sido depurado nalgunhas das súas partes a raíz dos informes de Patrimonio e o IGVS (en todo o relativo á protección do Conxunto Histórico e na súa Zona de Respeto), o PEPRI segue a apostar fundamentalmente polo urbanismo á carta, razón pola que o Grupo Municipal do BNG votou en contra da súa aprobación definitiva na Comisión de Medio Ambiente, Territorio e Mobilidade celebrada esta mañá.
As nacionalistas lembran que o PEPRI que irá a pleno o vindeiro luns rebaixa o nivel de protección dalgúns edificios catalogados (caso do edificio Granada, antes fóra de ordenación e agora incorpórase na área urbana renovada, previa á súa descatalogación); inclúe algúns outros edificios nas áreas urbanas renovadas (caso do antigo Banco Hispano Americano); suprime a cualificación de equipamentos de determinados predios como os das Fundacións da antiga Caixa Galicia e da antiga Caixanova, da Fundación Once, da Fundación Paideia, da Fundación Barrié ; legaliza construcións indebidas en zona verde na Maestranza e permite novos volumes de edificación incluíndo a Hípica; modifica o Plan especial do Porto (PEOZOS) para legalizar o viario e o aparcadoiro soterrado do Parrote e da Mariña; e modifica o planeamento para o axustar á licenza de ampliación da Solana, entre outras moitas cousas.
Por tanto, o tirón de orellas da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza ao Concello da Coruña por querer prescindir da protección do noso patrimonio, non evita que o PEPRI segue a ser unha aposta fundamentalmente polo urbanismo á carta. En primeiro lugar, porque se remite ao PMUS en materia de reordenación dos viarios e aparcadoiros en beneficio só das concesionarias privadas. E en segundo lugar, porque o seu contido non deixa de ser consecuencia das demandas feitas polos grandes titulares e os grandes patrimonios que foron aceptadas polo Goberno Local, inclusive introducindo cambios no plan a última hora.