EPA: Hai 3.100 persoas que desaparecen da poboación activa pola emigración, desánimo e vellez
A Coruña, 22 xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG advirte de que os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondentes ao derradeiro trimestre do ano reflicten que sobe o desemprego en 500 persoas en comparación co trimestre anterior do ano. E isto a pesar da campaña navideña, na que adoita descender o paro. Porén, o máis grave para as nacionalistas é que aumenta o número de persoas inactivas, pois hai unha caída de 1.500 persoas activas respecto do trimestre anterior. Deste xeito, mentres no terceiro trimestre de 2014 había 120.300 persoas activas, no derradeiro trimestre de 2014 o número caeu a 118.800 persoas. Aínda peor é a comparación anual, que revela unha caída de 3.100 persoas activas, xa que no derradeiro trimestre de 2013 eran 121.900 as persoas activas. Esta caída ten a súa resposta no desánimo das persoas que non atopan traballo e que deixan de apuntarse ás listaxes do paro; no envellecemento da poboación (maior número de persoas xubiladas) e, sobre todo, na crecente emigración.
Respecto da emigración, o Grupo Municipal do BNG advirte de que tal e como pode comprobarse na metodoloxía da EPA, non son enquisábeis as persoas que levan máis de tres meses fóra, de aí que tire dos datos do Padrón de Residentes no Estranxeiro. Este padrón sinala que a 01.01.2014 (últimos datos publicados polo IGE), había 28.671 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español. O número de persoas que se ven na obriga de emigrar é aínda maior, pois este padrón non reflicte os datos dos coruñeses e coruñesas que marchan para outros Concellos pertencentes ao Estado español.
Ante estes datos, o Grupo Municipal do BNG subliña que non cabe ningún discurso triunfalista e que, lonxe disto, cómpre denunciar as precarias condicións laborais das persoas que teñen traballo. Estas persoas están cada vez máis empobrecidas dado que o emprego é de moi baixa calidade e de curta duración e os salarios son máis baixos.
Por último, as nacionalistas denuncian que as políticas do Partido Popular non fan máis que empeorar a situación. Poñen como exemplo, os últimos orzamentos xerais, os galegos e os municipais para 2015, onde non se recolle nin un só céntimo en sectores produtivos estratéxicos capaces de crear emprego de calidade.