Pàulo Carballada: "As imposicións da troika, do Goberno central e da Xunta conducen á miseria"
A Coruña, 1 de xuño de 2013.- O BNG da comarca da Coruña sumouse esta tarde á convocatoria europea dos pobos contra a troika, unha mobilización que tivo lugar en diversas cidades galegas. Na manifestación participaron, ademais do responsábel comarcal, Paulo Carballada, o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, as concelleiras do BNG na cidade, e representantes orgánicos e institucionais do BNG das vilas comarca. En declaracións aos medios, o reponsábel comarcal puxo de manifesto que as imposicións da troika, da Unión Europea, do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza conducen á miseria, á perda de dereitos sociais e laborais conquistados e a unha auténtica hecatombe social.
Advertiu de que do exame da Comisión Europea ás reformas do Goberno español despréndese que se produciu unha caída de soldos no sector privado dun 0,9%, como vén de publicar o INE, o que confirma o continuo deterioro do poder adquisitivo dos salarios. Paulo Carballada tamén se referiu ao evidente fracaso da reforma laboral do PP que, ademais de abaratar o despedimento e de recortar os salarios, non serviu para frear a destrución de emprego, todo o contrario, agravou a perda de postos de traballo.
As consecuencias da reforma laboral do PP son os despedimentos na fábrica de armas, Teleperformance, Caramelo, Darty, Atento e a continua destrución de emprego no comercio, nas oficinas e no traballo por conta propia
O responsábel comarcal do BNG sinalou que na Coruña contamos con exemplos das dramáticas consecuencias que está a provocar a reforma laboral: os despedimentos en Santa Bárbara, Teleperformance, Caramelo, Darty e as ameazas en Atento, así como a continua destrución de postos de traballo que se producen día a día no pequeno comercio, oficinas ou no traballo por conta propia. Son estes claros exemplo de que a xeneralización da precariedade e o abaratamento do despedimento lonxe de estar conseguindo a creación de postos de traballo prometida está a provocar xustamente o contrario: unha espiral de destrución de emprego sen precedentes na Coruña e comarca que non para de medrar, salientou.
Paulo Carballada sinalou que a saída deste roubo pasa pola mobilización xeral do pobo e polo impulso de alternativas ás políticas de recortes sociais e recentralizadoras do PP e da troika. Afirmou, tamén, que ante o desmantelamento do tecido produtivo da comarca, producido polas políticas neoliberais do PP, cómpre apostar por que Galiza poida controlar os seus propios recursos para poder poñelos ao servizo da sociedade galega e para que a nosa comarca se poña a producir. Nesta situación, cualificou de imprescindíbel que o pobo reaxa e se mobilice para demandar un cambio radical de rumbo e apelou ao impulso de políticas públicas que sitúen como primeira prioridade a xeración de emprego e a loita contra o primeiro problema social, que é o paro.