O BNG denuncia que 2,7 millóns do modificativo van destinados á Compañía de Tranvías
A Coruña, 2 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que 2,7 millóns dos 10,2 millóns do modificativo de crédito aprobado polo Partido Popular teñen como destino a Compañía de Tranvías, xa que se corresponden a facturas derivadas da bonificación ás persoas usuarias do servizo urbano de transporte colectivo. E estas facturas, sinala o BNG, pertencen á etapa do actual Goberno municipal do PP, concretamente, aos meses de outubro a decembro de 2012. Máis alá de evidenciar unha nula previsión orzamentaria por parte do Goberno do Sr. Negreira, este pagamento volve deixar claro que a actual concesión, que o Goberno municipal se nega a revisar, supón unha sangría económica para o Concello. As nacionalistas insisten na necesaria revisión da concesión para acabar con este gasto excesivo que lle supón substanciosos beneficios á Compañía de Tranvías.
Na mesma liña, o Grupo Municipal do BNG sácalle as cores ao Goberno do Sr. Negreira en relación ás facturas extraxudiciais, é dicir, gastos que non contan con crédito orzamentario e que serán afrontados sen seguir o procedemento legalmente estabelecido. De feito, dos 10,2 millóns de euros do modificativo, 4,5 millóns; é dicir, case a metade, están destinados a pagar facturas da propia etapa de goberno do Partido Popular, como é o caso das facturas polo subministro de enerxía eléctrica para dependencias municipais e alumeado público (1 millón), polo subministro de gas a instalacións deportivas (209.000 euros), polo mantemento e conservación de instalacións deportivas (84.000 euros) e polo mantemento, conservación e reparación de instalacións semafóricas (184.000 euros).
Un modificativo antiemprego para pagar facturas do PP
Á vista destas cifras, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que este modificativo aprobado na pasada Xunta de Goberno Local é antiemprego, ao non recoller nin un só céntimo para financiar políticas que fomenten a creación de postos de traballo, e que a súa principal finalidade é pagar facturas do ano 2012, xeradas na propia etapa de Goberno do PP e que non estaban recollidas no orzamento municipal. Demóstrase, así, que o Goberno do Sr. Negreira non puxo o contador en cero a respecto do pago de facturas, ao contrario do que vén declarando ao longo do seu mandato.