O Parlamento debate mañá a posta en marcha dun novo ximnasio para o CEIP San Pedro de Visma
A Coruña, 2 de xaneiro de 2015- O Parlamento de Galiza, a instancias do Grupo Municipal do BNG, debaterá mañá na Comisión de Educación unha proposición non de lei do Bloque para a posta en marcha dun novo ximnasio para o CEIP San Pedro de Visma. Ademais, na proposición non de lei, rexistrada polos parlamentares Francisco Jorquera e Cosme Pombo logo dunha visita ao centro acompañados da concelleira Ermitas Valencia, reclámase a aprobación dun proxecto de mellora global que inclúa a mellora de accesibilidade dos diferentes espazos do CEIP, a cobertura do patio infantil, o peche dos laterais da pista polideportiva cuberta e a ampliación e reforma do salón de actos e do comedor escolar.
A proposición non de lei tamén contempla que o Parlamento de Galiza emprace o Concello da Coruña para facer posíbel un acceso digno ao CEIP San Pedro de Visma así como a limpeza das parcelas colindantes. Precisamente, o Grupo Municipal do BNG formulara unha batería de preguntas para a resposta escrita ao respecto e recibiu como contestación do Goberno local que se accede por un viario asfaltado desde a rúa Río. Recentemente foi asfaltada e mellorouse a beirarrúa para posibilitar un itinerario accesíbel para os peóns. Porén, a maleza que ocupa os terreos colindantes é tal que se chega a comer as marxes da beirarrúa.
A Comisión de Educación terá lugar ás 16.30h e podedes seguila en directo na web www.parlamentodegalicia.es