As persoas que visitan a Luís Seoane foxen polo frío que vai nas instalacións
A Coruña, 2 de febreiro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que as persoas que visitan a Fundación Luís Seoane foxen aterecendo polo frío que vai no inmoble dada a falta de calefacción. Segundo puido saber o Bloque, a calefacción do recinto non funciona desde hai meses nin no vestíbulo nin nas salas.
Segundo as queixas transmitidas por visitantes, as visitas non se prolongan o necesario polo frío que está o lugar. A falta de calefacción non só prexudica e causa molestias ás visitas, tamén os traballadores e traballadoras se ven na obriga de desenvolver as súas funcións por debaixo dos 9 graos.
Neste contexto, o Grupo Municipal empraza o Sr. Negreira a explicar a que se debe a falta de subministro de calefacción nas instalacións da Luís Seoane, ínstao a resolver o problema e acúsao de espantar o conxunto de visitantes da fundación.