Unha oportunidade perdida co modificativo de crédito
A Coruña, 7 de agosto de 2015.- No BNG entendemos que hoxe o goberno da Marea Atlántica amosou que o diálogo e a participación, da que tanto presumían, non é unha das súas principais características de mandato. Asemade, cremos que hoxe o goberno non soubo en ningún momento poñer en valor as propostas achegadas polo propio grupo municipal do BNG co obxecto de dar un cambio de rumbo das políticas económicas anteriores.
No BNG lamentamos a perda da oportunidade que representaba o modificativo de crédito que hoxe se presentaba no pleno extraordinario
Deste xeito, entendemos que o goberno da Marea Atlántica minte ao sinalar que non tiña marxe de manobra para a elaboración desta proposta de modificativo de crédito, e que os demais grupos políticos non fixemos nada por incorporar propostas a aquel. De feito, foi o propio BNG quen lle comunicou á Marea Atlántica con días de antelación a nosa proposta de dedicar os máis de 385.000 euros de baixa en investimentos para reposición en mercados municipais para solucionar a problemática de Santa Lucia e comunicamoslle, así mesmo, a intención de votar en contra do modificativo de crédito se non se retiraba a baixa da partida de Investimentos en Mercados Municipais e se non se lle daba unha solución ao mercado na liña do acordo plenario aprobado unanimemente.
Entendemos, así mesmo, que a actuación do goberno municipal caracterizouse pola necidade e pola falta de autocrítica
Neste sentido, lembramos, o goberno da Marea Atlántica en todo este proceso, en vez de poñer a disposición de todos os grupos a documentación en tempo e forma, e buscar o consensuar unha proposta conxunta, deu traslado precipitadamente as súas intencións, e buscou o enfrontamento, formulando acusacións totalmente fora de contexto e tentando desviar o debate do que realmente se estaba a tratar: un cambio nas partidas económicas do anterior goberno que primara ás persoas e buscando solucións aos seus problemas.
No BNG entendemos que no pleno de hoxe se perdeu unha oportunidade para darlle solución ao mercado de Santa Lucía a través do modificativo de crédito
Así, sinalamos, como inexplicábel o suplemento de crédito dirixido ao Consorcio de Turismo, por valor de 550.000 euros a executar durante 2015 para a colaboración con entidades para a promoción turística da cidade a través da música.
Tamén cremos inxustificábel a perda das partidas en educación, ou mesmo os máis de 152.000 euros en formación para o emprego baixo o pretexto de que son inexecutábeis, ou que partidas destinadas para emerxencia social son aquelas que teñen por obxecto programas ofrecidos desde entidades benéficas, e non desde os servizos sociais públicos. Neste sentido lembrar que xa fumos críticos, no período anterior, con esta substitución do que deben ser políticas sociais exercidas pola administración pública en favor de entidades benéficas privadas.
Por último, lembramos que en ningún momento se nega ao cumprimento das obrigas de pago que ten que facer fronte o concello, e a asumir os recoñecementos extraxudiciais de crédito froito de que o anterior goberno do PP preveu de xeito insuficiente algunhas partidas. Mais si negámonos a ser cómplices de que se perpetúen criterios de asignación económicas non dirixidos ás persoas.