Carril: "Votar o BNG é votar pan, teito e traballo"

Carril: "Votar o BNG é votar pan, teito e traballo"

A Coruña, 22 de maio de 2015- O BNG-Asembleas Abertas pechou a campaña cun acto público en Monte Alto, o barrio do candidato, Xosé Manuel Carril, quen afirmou que a historia de Monte Alto “tamén a historia e o presente da Coruña como cidade galega e de barrios. A historia da Coruña como cidade proletaria e mariñeira. E a historia da Coruña como cidade de emigrantes de partida e de retorno. En definitiva, a historia de Galiza a través do Cárcere, do Cemiterio de Santo Amaro e da Torre de Hércules co seu mar de fondo”.

Introducido pola número dous da candidatura, María Xosé Bravo, Carril referiuse ás “formas antagónicas que temos de ver a cidade o PP e o BNG-Asembleas Abertas”: a cidade gris do cemento fronte á cidade do arco da vella de Todas As Coruñas. Así, criticou “A Coruña gris do Partido Popular: A Coruña do cemento do Parrote e da Mariña; A Coruña pensada para beneficio duns poucos e en detrimento das maiorías”. Aludiu, entre outros, ao urbanismo especulativo; á privatización e desmantelamento dos servizos públicos municipais; á caridade do privado; ás concesións administrativas pensadas só para lucro e beneficio das empresas privadas ou á «Coruña matrix» da Smart City. Non esqueceu “o deserto industrial no que o PP converteu a cidade, sen apostar polos nosos sectores estratéxicos produtivos”, e o encarecemento da luz, da auga ou do billete do bus urbano.

Fronte á Coruña gris do PP, Carril erixiu “A Coruña do arco da vella” que representa o proxecto de Todas As Coruñas, cun programa elaborada de maneira colectiva con máis de 1.200 actuacións “para que haxa pan, teito, traballo e benestar”. “A Coruña que quere o BNG-Asembleas Abertas é a do dereito a vivirmos nesta cidade sen exclusións e desde a igualdade”, sinalou, para entrar a debullar o significado da Coruña pública, galega, mariñeira, ética, social e de barrios de Todas As Coruñas. “Queremos que o Concello sexa un modelo de institución pública ao servizo da Coruña, unha cidade galega e mariñeira, que aposta polos barrios con políticas de emancipación social desde a ética e a responsabilidade do ben común. O noso proxecto é un desexo compartido: a ilusión de cambiar as cousas a través de todas as Coruñas”, afirmou.

O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto que existe un conflito no que “uns poucos están máis enriquecidos e as maiorías sociais estamos máis empobrecidas, porque eles están na fartura e nós, pola contra, na pobreza, porque o capital é libre e nós, pola contra, imos camiño da escravitude, e porque eles están máis seguros e blindados, malia seren máis corruptos, e nós, pola contra, máis criminalizados con sancións e denuncias penais”. “O BNG-Asembleas Abertas recoñece abertamente este conflito e toma parte do lado de quen padece”, exclamou. “A solución ao conflito do capital/traballo resólvese desde o ámbito da soberanía, isto é, desde o poder de decisión. Que haxa políticas de esquerda depende de nós, porque para que haxa políticas de esquerdas ten que haber soberanía”, engadiu.

Carril concluíu a intervención pedindo o voto: “se queremos ser cifras bancarias, hai que votar o Partido Popular. Se queremos ser persoas, hai que votar o BNG; se queremos fame, hai que votar o Partido Popular. Se queremos pan, hai que votar o BNG; se queremos emigrar, hai que votar o Partido Popular. Se queremos vivir e traballar na nosa terra, hai que votar o BNG; se queremos corrupción, hai que votar o Partido Popular. Se queremos ética, hai que votar o BNG; se queremos recortes, hai que votar o Partido Popular. Se queremos vida, hai que votar o BNG”. “En definitiva, se queremos pan, traballo, teito e benestar, hai que apostar pola nosa soberanía galega, que non é unha cuestión de fronteiras, senón de xustiza social. Porque o BNG quere acabar coas fronteiras que separan os ricos dos pobres”. Rematou, máis unha vez, co seu “saúde, terra e mar”.

 

Carril: "Votar o BNG é votar pan, teito e traballo"