Operación Zeta: Evidénciase que o PP creou unha rede de entidades veciñais afíns
A Coruña, 23 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG sinala que a instrución da denominada Operación Zeta non só pon de manifesto a presunta trama de estafa de axudas públicas e financiamento irregular, con implicación de cargos do Partido Popular, senón tamén evidencia como o PP creou unha rede de entidades veciñais afín para facer calar o asociacionismo crítico coa súa xestión.
As nacionalistas fanse eco as palabras recollidas no sumario desta operación nas que o presidente da Federación de AVV Salvador de Madariaga, Juan Sáenz-Chas, sinala que Es que lo de Carlos tiene huevos, que me mande montar asociaciones y nombre a ese mierda director de área. Qué huevos. Esta mensaxe de texto enviada por Sáenz Chas ao empresario Gerardo Crespo veñen corrobar o denunciado publicamente polo BNG en numerosas ocasións: que o Partido Popular creou unha rede clientelar de asociacións de veciños e veciñas paralela ao asociacionismo veciñal da cidade co fin de silenciar calquera tipo de reivindicación de dereitos cidadáns e da demanda de melloras nas condicións de vida para os barrios da cidade.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG xa ten criticado a actitude excluínte do Goberno Local á hora de atender as demandas e necesidades veciñais de determinadas entidades críticas co seu goberno, así como a disparidade de criterios do Goberno municipal á hora de asignar as subvencións a asociacións veciñais e de comerciantes. De feito, as nacionalistas reprobaran que o Sr. Negreira lle dese até catro veces máis de cartos a entidades vinculadas ao PP que acababan de crearse e que non desenvolvían apenas actividades que a entidades que levaban toda a vida traballando na cidade e facendo actividades. Precisamente a través da redución de axudas e amparado en valoracións subxectivas e arbitrarias no reparto destas, o Sr. Negreira tratou de aniquilar as asociacións máis contestatarias e críticas da cidade.