Desánimo, emigración e envellecemento: hai 2.500 persoas que desaparecen da poboación activa
A Coruña, 23 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG salienta que os datos da Enquisa de Poboación Activa correspondentes ao terceiro trimestre do ano reflicten que, a pesar do descenso do paro que responde ás contratacións no período estival-, aumenta o número de persoas desocupadas, pois hai unha caída de 2.500 persoas activas respecto do trimestre anterior. Deste xeito, mentres no segundo trimestre de 2014 había 122.800 persoas activas, no terceiro trimestre de 2014 o número caeu a 120.300 persoas. De aí que o BNG faga fincapé nesas 2.500 persoas que desaparecen da poboación activa. As nacionalistas advirten de que esta caída ten a súa resposta no desánimo das persoas que non atopan traballo e que deixan de apuntarse ás listaxes do paro; no envellecemento da poboación (maior número de persoas xubiladas) e, sobre todo, na crecente emigración.
Respecto da emigración, o Grupo Municipal do BNG advirte de que tal e como pode comprobarse na metodoloxía da EPA, non son enquisábeis as persoas que levan máis de tres meses fóra, de aí que tire dos datos do Padrón de Residentes no Estranxeiro. Este padrón sinala que a 01.01.2013, había 27.229 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español, dos que 13.385 eran homes e 13.844 eran mulleres e a 01.01.2014, había 28.671 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español, sendo maior o número de mulleres que marcharon, 14.532, que de homes, 14.139. As nacionalistas alertan de que o número de persoas que se ven na obriga de emigrar é aínda maior, pois este padrón non reflicte os datos dos coruñeses e coruñesas que marchan para outros Concellos pertencentes ao Estado español.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG subliña que os datos da EPA non permiten ningún discurso triunfalista e, lonxe disto, cómpre denunciar as precarias condicións laborais das persoas que teñen traballo. Estas persoas están cada vez máis empobrecidas dado que o emprego é de moi baixa calidade e de curta duración e os salarios son máis baixos.
Por último, as nacionalistas denuncian que as políticas do Partido Popular non fan máis que empeorar a situación. Poñen como exemplo, os últimos orzamentos xerais e mais os galegos, onde non se recolle nin un só céntimo en sectores produtivos estratéxicos capaces de crear emprego de calidade.