O BNG transmítelle o seu apoio ás persoas que sofren enfermidades pouco frecuentes
A Coruña, 27 de febreiro de 2015- Máis un ano, con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se conmemora mañá, o BNG transmítelle o seu apoio a todas as persoas que sofren algún tipo de doenza pouco frecuente. Precisamente, o portavoz municipal do BNG e candidato do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións locais, Xosé Manuel Carril, visitou na mañá de hoxe a mesa informativa instalada pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), que representa unha decena de asociacións diferentes que traballan con persoas enfermas de lupus, ataxia, fibrose, ou escleroses, entre outras.
Carril volve apelar á necesidade de que se leven a cabo neste eido protocolos de detección precoz, investigacións para tratamentos específicos e axudas para a asistencia familiar. Nesta liña, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas advirte de que non se poden esquecer as familias das persoas afectadas por este tipo de doenzas pouco frecuentes e crónicas.
Ademais, Carril chama a garantir a plena igualdade para as persoas que padecen enfermidades pouco frecuentes sobre a base de tres principios: equidade para os pacientes na asistencia social e sanitaria; equidade nos seus dereitos sociais básicos, saúde, educación, emprego e vivenda, e equidade nos tratamentos, terapias e medicamentos orfos necesarios para tratar a enfermidade. Para isto, sinala a necesidade de acabar cos recortes en servizos sanitarios e por un maior investimento en sanidade.