Nesta situación de impasse, o concello debe intervir administrativamente en Nostián
A Coruña, 23 de setembro de 2013.- Na situación de impasse no conflito e na estafa de Nostián (auditorías ocultas que hai que interpretar, alcalde que non se quere reunir cos portavoces dos grupos municipais da oposición nin co comité de empresa e prohibición de visitar a planta de Nostián) a única e gran beneficiada é a empresa, que fai o que lle dá a gaña. Hai uns días presentaba un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) alegando que non lle chegaba o lixo do Consorcio das Mariñas, e agora que o Consorcio das Mariñas volve a Nostián, Albada segue co seu ERTE, malia ser ilegal por falta de fundamento.
Por iso o BNG exíxelle ao Goberno local determinación para acabar con esta situación de impasse. O Concello da Coruña debe intervir administrativamente a concesión, explotando a planta de Nostián por conta e risco económico de Albada, dado que a empresa non garante o cumprimento dos termos da concesión. A intervención administrativa que lle plantexa o BNG ao Goberno local é unha figura legal recollida expresamente no prego de cláusulas administrativas da concesión de Nostián (baixo a denominación de intervención e secuestro da concesión), mais tamén en distintas e variadas normas legais, en virtude da cal unha administración pública (entidade concedente) pode asumir temporalmente a xestión directa do servizo como consecuencia dos incumprimentos do contratista (ou concesionario), ou cando este non poida prestar os servizos tal e como foron contratados por causas que lle sexan imputábeis ou non.
De acordo con estas normas, resulta que o Concello da Coruña ten a posibilidade legal de intervir a concesión administrativa de Albada en Nostián, explotando directa e temporalmente a planta de Nostián. A xestión por parte do Concello da Coruña realizaríase empregando os medios persoais e materiais da contratista ou concesionaria (Albada), designando o concello para tales efectos un interventor que substituiría os directivos da empresa e ao que a empresa deberá someterse e seguir as súas instrucións. Ademais esta xestión temporal e directa por parte do Concello da Coruña se efectuaría por conta e risco económico da contratista ou concesionaria (Albada), incluíndo a retribución do interventor. Rematada a intervención (porque é temporal), o Concello da Coruña debe entregarlle a contratista ou concesionaria (Albada) o saldo activo que resulte da súa explotación previa dedución dos gastos, retribución do interventor e danos e prexuízos ocasionados ao Concello da Coruña como administración pública.