O proxecto futuro sobre a fábrica de armas ten que garantir os 172 postos de emprego
A Coruña, 23 de setembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego, con independencia da súa pronunciación sobre os proxectos sobre a Fábrica de Armas cando estes sexan algo máis que proxectos, sinala que canto antes se materialicen mellor porque se corre o risco de que se desafecten os terreos en tanto que xa non teñen o fin polo cal foron cedidos. De modo que, sinalan as nacionalistas, unha vez se produzan a desafección dos terreos polo Ministerio de Defensa, o Goberno local ten que solicitar a reversión deses terreos porque foi o concello quen os cedeu e desde o punto de vista legal o Concello ten dereito á devolución dos terreos. Que non pase, subliñan as nacionalistas, como no Cuartel da Agrela.
O BNG aposta porque unha vez veñan eses terreos para o Concello da Coruña téñense que empregar para actividade industrial, insistindo moito en abrirse ao eido civil, tendo en conta que houbo grandes investimentos na fábrica precisamente para que o proceso produtivo se abrise á diversificación da produción ao eido civil e insistindo, tamén, en que se garantan os postos de traballo destruídos, é dicir, que se garantan a totalidade dos cento setenta e dous traballadores despedidos, incluídos aqueles traballadores que se acolleron voluntariamente ás baixas da Fábrica de Armas sobre a base de que non había un futuro moi claro.