O BNG anima a participar na marcha silenciosa por un aborto libre, de balde e na sanidade pública
A Coruña, 24 de setembro de 2013.- A responsábel de Acción Feminista do BNG da Coruña, Vitoria Louro, chama a cidadanía a se sumar á marcha silenciosa por un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública, unha iniciativa da Plataforma galega polo dereito ao aborto, da que forma parte a formación frontista. De unha en unha, amordazadas con panos negros e vestidas de lila, as participantes partirán ás 19.30h da Praza de Galiza para chegar ao Obelisco, onde se lerá un manifesto con motivo do 28 de setembro, Día de acción global por un aborto seguro e gratuíto.
Vitoria Louro explica que esta marcha silenciosa serve para poñer de manifesto que a ilegalización do aborto que pretende implantar o Partido Popular só consegue poñer en risco a vida das mulleres, xa que se producen 47.000 mortes ao ano e máis de 5 millóns de mulleres acaban con incapacidade, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Queremos lograr o dereito das mulleres a habitar os nosos corpos sen que ninguén, máis alá de nós, nos diga como facelo, engade.
A responsábel de Acción Feminista do BNG critica a complicidade do Goberno municipal do Sr. Negreira con esta inminente reforma ideolóxica e moral do aborto. Lembra Vitoria Louro que foron varias as veces que as nacionalistas levaron ao Pleno municipal mocións en defensa do aborto libre e de balde, iniciativas que foron fulminadas polo Sr. Negreira, que nin sequera permitiu o seu debate.
Manifestación nacional en Santiago de Compostela
Pola outra banda, o BNG chama a participar na manifestación nacional en defensa da interrupción voluntaria do embarazo, mobilización que terá lugar en Santiago de Compostela este sábado, 28 de setembro, con saída ás 17.30h da estación do tren.