O BNG esixe que os libros de texto sexan de balde no ensino obrigatorio
O BNG solicítalle ao goberno municipal que esixa medidas á xunta para que o alumnado do ensino obrigatorio acceda aos libros de texto ou material didáctico sen ningún custo
As nacionalistas piden que volte o sistema de empréstito universal
O Grupo Municipal do BNG solicítalle ao Goberno Municipal que lle esixa á Xunta de Galiza medidas para que faga posíbel que o alumnado do ensino nos niveis educativos obrigatorios teña accceso aos libros de texto ou material didáctico sen ningún custo. Entre outras medidas piden que se volte ao sistema de empréstito universal.
O Grupo Municipal, que presentará iniciativas ao respecto no vindeiro pleno, sinala que o próximo curso 2014/2015, a LOMCE entrará en vigor en 1º, 3º e 5º de Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará o estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados aos novos decretos de ensinanzas mínimas. Isto, unido ao recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior, pode provocar que unha parte do alumnado non poida acceder aos manuais necesarios para seguir as clases con normalidade.
O dereito fundamental á educación exixe, salienta o BNG, que se dean conxuntamente determinadas condicións cuxa garantía de cumprimento corresponde aos poderes públicos. Alén disto, hai que situar o alumnado nunha posición real de igualdade no acceso e mantemento do seu dereito á educación.
Por tanto, o BNG entende que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos a tales estudos, e consideran por iso que o devandito carácter gratuíto debería facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizados para cursar os referidos niveis, o que exixe medidas que fagan posibel o acceso de alumnos e alumnas a estes sen ningún custo. Así entre as medidas que piden que lle exixa o Goberno municipal á Xunta de Galiza están a volta do sistema de empréstito universal, que se avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público, que se doten os centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de empréstito e que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar naqueles cursos en que se vai implantar a LOMCE.