Malia que non se está a prestar, a cidadanía terá que seguir pagando pola "reciclaxe"
A Coruña, 1 de outubro de 2013.- Na rolda de prensa desta mañá, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que na Xunta de Goberno Local de onte, o Goberno municipal acordou propor a modificación da ordenanza fiscal nº 6, reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos. Mais faino, omitindo os cambios que realmente se deberían facer, esquecendo aquí ao seu tan reiterado e demagóxico lema de ayudar a las familias, es decir, que los ciudadanos sean los grandes beneficiados (Goberno local dixit), e premiando implicitamente a Albada, concesionaria municipal que está a facer o que lle dá a gana.
Na proposta, explicou Carril, modifícanse os artigos 2, 5 e 6 relativos ao feito impoñíbel, ás bases de gravame e tarifas e ao período impositivo de cobranza de cotas. Mais ningunha destas modificacións reparan no realmente importante: o estabelecemento dunha taxa por un servizo que a cidadanía non recibe, dado que as porcentaxes de reciclaxe (65%) e de rexeitamentos de lixo non tratado (35%) non se están a dar por parte da UTE Albada, empresa concesionaria do servizo público de tratamento do lixo.
Deste xeito, salientou Carril, Albada incumpre, o Goberno municipal olla cara outro lado e a cidadanía vai pagar por un servizo de tratamento do lixo inexistente nas condicións da concesión administrativa.
Por estas razóns, sinalou o portavoz nacionalista, o BNG animará as veciñas e aos veciños da cidade da Coruña para que presenten alegacións a esta proposta de modificación para pagar o que realmente lles corresponde e en función sempre do servizo recibido.