O BNG leva a estafa social da "reciclaxe" á Agra do Orzán
A Coruña, 2 de outubro de 2013.- O BNG da Coruña continúa coa charlas abertas ao longo dos barrios da cidade para desmontar a estafa social da reciclaxe na planta de Nostián. O portavoz do BNG no Concello, Xosé Manuel Carril, e representantes dos traballadores de Albada explicaranlle á veciñanza da Agra do Orzán a situación de Nostián e a postura das nacionalistas ao redor deste conflito creado pola concesionaria municipal. O encontro aberto ao público terá lugar mañá, xoves, ás 20h, no local da AVV da Agra do Orzán (Entrepenas, 38).
O portavoz nacionalista exporá ademais que o Goberno municipal acordou propor a modificación da ordenanza fiscal nº 6, reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos, omitindo os cambios que realmente se deberían facer e beneficiando, así, a Albada. Ningunha das modificacións nesta ordenanza (modifícanse os artigos 2, 5 e 6 relativos ao feito impoñíbel, ás bases de gravame e tarifas e ao período impositivo de cobranza de cotas) non repara no realmente importante: unha taxa por un servizo que a cidadanía non recibe, dado que as porcentaxes de reciclaxe e de rexeitamentos de lixo non tratado non se están a dar por parte da UTE Albada.
Neste contexto, Carril animará a veciñanza que asista a este encontro aberto a presentar alegacións a esta proposta de modificación da ordenanza do lixo, co fin de que se poida pagar o que realmente corresponde e en función sempre do servizo recibido.