Carril: "Estes orzamentos troikistas non xerarán nin riqueza, nin benestar, nin emprego"
A Coruña, 1 de outubro de 2013.- Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal do BNG, advertiu de que os orzamentos xerais do Estado son troikistas desde o punto de vista da xustiza social. Así, puxo de manifesto que as contas do Goberno central van na liña das políticas sádicas da troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional). Os orzamentos van na idea da austeridade que mata e non van xerar riqueza, nin emprego, nin benestar na Coruña.
Engadiu que o Goberno central renuncia a impulsar a ría do Burgo, para a que destinou 0 euros nos orzamentos, e mais a conexión ferroviaria do porto exterior, para a que só destinou 50.000 euros. Tanto a rexeneración da ría do Burgo como a conexión ferroviaria do porto exterior, conexión fundamental para a normal operatividade de Punta Langosteira, crearían postos de traballo e riqueza, sinalou.
Tamén fixo alusión aos constantes cambios na programación anual dos investimentos, con prazos alterados que, na meirande parte dos casos, se amplían, adiando o remate das obras. É o caso, apuntou, da Terceira Rolda, cuxo remate previsto se alonga até o 2016.