Máis da metade do orzamento de Mobilidade (14,21 mill.) vai para a Compañía de Tranvías (7,5 mill.)
A Coruña, 7 novembro de 2014- Os datos transmitidos polo Goberno do Sr. Negreira á prensa revelan que máis da metade do orzamento de Mobilidade (14,21 millóns) vai para a Compañía de Tranvías (7,5 millóns) e, visto o que aconteceu cos orzamentos de 2014, o Grupo Municipal do BNG prognostica que esta cantidade de 7,5 millóns non chegará. Lembran as nacionalistas que o Goberno local orzara en 2014 un total de 7,5 millóns para subvencionar a Compañía de Tranvías e que se viu na obriga de modificar o orzamento para sumarlle 1.865.794,92 euros (primeiro modificativo de crédito de 2014, aprobado definitivamente o 21.06.2014) porque a cantidade inicialmente orzada era insuficiente. Así, no que levamos de ano, o Concello leva destinado á subvención da Compañía de Tranvías un total de 9.365.794,92 euros (os 7.500.000 euros inicialmente orzados e os 1.865.794,92 euros do modificativo).
O Grupo Municipal do BNG salienta que o propio interventor do Concello advertira no seu informe dos orzamentos municipais de 2014 que tampouco existe xustificación de que vaia ser suficiente para dar cobertura ás obrigas que se devenguen no 2014 por este concepto. O interventor tamén alertou sobre isto no informe do primeiro modificativo de crédito de 2014, onde recolle a necesidade dunha mellor e máis axustada orzamentación inicial dos créditos que amparen os gastos desta natureza que se estimen se vaia realizar.
Pola outra banda, as nacionalistas denuncian que as subvencións do Concello da Coruña á Compañía de Tranvías seguirán subindo mentres non se revise a concesión en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión. De non revisar a fórmula para o cálculo do billete, nada impediría que as tarifas do bus volvesen subir en 2016, incluíndo a suba que correspondería en 2015 se non se conxelasen as tarifas.
Na mesma liña, o Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do Sr. Negreira non pode sacar peito da conxelación das tarifas do autobús urbano, tendo en conta que, segundo o último estudo da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios), é un dos máis caros do Estado español. O BNG transmítelle ao Goberno local que é posíbel baixar as tarifas do bus sen que isto lle prexudique ás nóminas dos traballadores. Pódese facer por conta dos beneficios económicos da Compañía de Tranvías, que en 2013, segundo as contas económico-financeiras da empresa, ascenderon a 4.846.892,73 euros. Para isto, sería necesario que computasen na fórmula polinómica o beneficio de explotación da empresa e as subvencións que lle dá o concello á Compañía de Tranvías. Actualmente, esta fórmula contempla os seguintes factores: salarios, prezo do gasóleo e lubricantes, amortecemento activos, IPC e beneficio industrial, sen que repercuta nin o beneficio de explotación nin as subvencións que lle dá o Concello á Compañía de Tranvías.