O BNG exixirá no pleno medidas de apoio ás vítimas á violencia de xénero
A Coruña, 7 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG presentará no vindeiro pleno ordinario unha iniciativa contraria á violencia de xénero e encamiñada a darlle apoio ás mulleres que sofren esta lacra machista. Así, o Bloque solicitará que os membros da Corporación sexan exemplares na loita contra a violencia cotiá e os micromachismos e que, polo tanto, se lles exixan responsabilidades políticas a aquelas persoas con cargos institucionais que fixeren declaracións machistas. Neste sentido, as nacionalistas instarán o Goberno local a cumprir a normativa en publicidade sexista, logo da desafortunada campaña do ano pasado Coruña Wapa, unha campaña sexista e ateigada de estereotipos contrarios á autonomía da muller. Neste sentido, emprazarán o Concello a cumprir a normativa en publicidade sexista, chegando a romper patrocinios con aqueles medios que o incumpriren.
O BNG tamén reclamará no vindeiro pleno o apoio ao asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero e desenvolver, en colaboración co tecido social, unha campaña urxente de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar os agresores. Na mesma liña, solicitará a elaboración dun plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero e o deseño dun plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe o conxunto da sociedade.
O BNG exixe axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero
Á marxe das cuestións municipais que se expuxeron, o Grupo Municipal do BNG instará a Corporación a trasladarlle á Xunta de Galiza o urxente desenvolvemento lexislativo do artigo 39 da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se recolla, como mínimo: a regulación das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero co obxectivo de estabelecer baremos de renda non inferiores aos que se recollían nas convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008, 2009 e 2010 e eliminando a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de se beneficiar con anterioridade das medidas recollidas neste artigo; a garantía de que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda está aberto durante todo o ano; a fixación dun prazo máximo de 30 días para a resolución e o pagamento efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude e a ampliación da duración das axudas a 18 meses prorrogábeis até 24 meses segundo a situación da vítima.