Jorquera, orgulloso de participar na protesta pacífica para evitar deixar a unha anciá na rúa
A Coruña, 17 de Xullo 2014.- O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, manifestou sentirse orgullo por ter participado como un cidadán máis na protesta pacífica para evitar a inxustiza de deixar na rúa a unha anciá e para defender un dereito fundamental como é o dereito a vivenda e a unha vida digna.
Jorquera facía estas declaracións momentos antes de entrar no xulgados da Coruña á vista de trámite de probas derivada do recurso contencioso administrativo presentado contra as multas impostas pola Delegación do Goberno a varios dos participantes nese acto contra o desaloxo da anciá Aurelia Rey da vivenda que ocupaba.
O portavoz parlamentario tamén amosou a súa valoración pola resposta das persoas que protestaron contra esa inxustiza, o que permitiu unha solución negociada que evitou o desafiuzamento da señora Aurelia, e criticou a criminalización da protesta por parte do Executivo do PP, tanto en Galiza como desde Madrid.
A propia Amnistía Internacional advirte da criminalización que está a facer o Estado español das protestas sociais contra as políticas do Goberno do PP, subliña Jorquera, tanto coas actuacións policiais, moitas veces desmedidas, como a través da persecución dos colectivos organizados que protestan a través de multas e sancións, como tamén a través dunha lexislación regresiva como a denominada Lei mordaza, auténtico atentado contra dereitos fundamentais.
Pese a esta estratexia do PP, Jorquera amosouse convencido de que a cidadanía non se deixará amedrentar sobre todo cando se trata de loitar contra inxustizas como o intento de desafiuzamento de Aurelia Rey, concluíu.