Emalcsa incrementou en máis dun 25% o seu beneficio a costa de subir o prezo da auga
A Coruña, 17 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que EMALCSA en 2013 incrementou en máis de 1 millón de euros o seu beneficio respecto do beneficio obtido en 2012, o que representa un aumento dun 25,53%. Evidénciase así, o denunciado polas nacionalistas, o Partido Popular estaba a subir o recibo da auga xusto cando a economía das coruñesas e dos coruñeses é máis precaria.
Segundo a documentación das contas anuais que van para exame e aprobación á Xunta Xeral Ordinaria do vindeiro luns obsérvase (achégase dixitalizado anexo 1) que os beneficios de EMALCSA foron de 5.363.724 e en 2012 foron de 4.272.593 , un acrecentamento de 1.091.140,73 , é dicir un aumento de 25,53%.
O importe neto da cifra de negocios por abastecemento na Coruña, Emalcsa obtivo en 2013 20.942.582 euros, fronte os 19.185.606 euros de 2012, é dicir 1.756.976 euros máis de ingresos por abastecemento.
Así contra a negación do Goberno do Partido Popular da evidencia da suba do recibo da auga, as contas de EMALCSA deixan claro que este incremento de beneficios débese en grande medida ao aumento do recibo da auga, aumento encuberto e fraudulento que afecta a máis de 100.000 abonados na cidade. O número total aproximado de abonados é de máis de 120.000, dos cales o 87% pagaban unha taxa fixa de 1,5 m3/h, de cota de dispoñibilidade aos que agora se lle obriga a pagar por 2,5 m3 o que supuxo un incremento no recibo a pagar dun 27,4% como o BNG xa denunciou no seu día.
O BNG lembra que máis de mil veciñas e veciños presentaron reclamacións contra a suba do recibo da auga que o Goberno Local non tivo en conta.
As nacionalistas tamén sinalan que ese incremento de beneficios de EMALCSA tamén se realiza a custa dos traballadores da empresa, xa que se efectúa unha redución encuberta de persoal ao non se cubrir as baixas por xubilacións. Así en 2012 o equipo era de 143 traballadores e en 2013 é de 138, cinco postos menos.