O BNG dálle voz á cidadanía esta tarde no Campo da Leña
A Coruña, 18 de xullo de 2014- Esta tarde a partir das 20h, no Campo da Leña, o BNG da Coruña organiza o coloquio E ti que Galiza queres para o século XXI?, en que intervirán persoas militantes da formación frontista así como persoas que non teñen ningún tipo de afiliación co Bloque. Moderado polo profesor de Socioloxía Pepe López Rei, o acto, co que se abre a campaña do Día da Patria 2014 na Coruña, contará coas intervencións da cantautora María Xosé Silvar Sés, do activista de movementos sociais Rubem Centeno, do presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e da activista feminista e membro da Executiva Nacional do BNG Goretti Sanmartín.
O responsábel de Organización do Bloque na Coruña, David Pena, sinala que pretendemos que o acto que terá lugar na tarde de hoxe reforce o diálogo que sempre mantivo o BNG co pobo e sirva para escoitar a sociedade e para que a sociedade nos escoite a nós, sinala. Deste xeito, o Bloque poderá recoller as ideas que xordan e para que as persoas que se animen a participar poidan escoitar e matizar as propostas do BNG co fin de facelas máis ricas, salienta.
O coloquio desta tarde, de marcado carácter participativo, responde ao espírito de diálogo coa sociedade que vai encetar o BNG proximamente cunha xeira de asembleas abertas co fin de contrastar as alternativas que Galiza precisa coa sociedade no seu conxunto.