Jorquera esíxelle á Xunta de Galiza e ao Goberno central a máxima implicación coa fábrica de armas

Jorquera esíxelle á Xunta de Galiza e ao Goberno central a máxima implicación coa fábrica de armas

A Coruña, 7 de marzo de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, volveu reclamar a máxima implicación da Xunta de Galiza e do Goberno central para garantir o mantemento dos postos de traballo na fábrica de armas da Coruña. En declaracións aos medios na concentración que tivo lugar diante da Delegación do Goberno, e despois de participar na manifestación dos traballadores desde Pedralonga, Jorquera sinalou que "tanto a Xunta como o Goberno central teñen que demandarlle a General Dynamics que cumpran os compromisos adquiridos cando a empresa pública Santa Bárbara foi vendida á multinacional estadounidense, que se comprometeu a manter os centros de traballo e os postos de emprego".

A continuación, puxo de manifesto que a industria de Galiza e da comarca da Coruña "viven unha situación pouco menos que agónica". "Non podemos permitirnos o luxo de que peche a fábrica de armas e de que se vaian a rúa perto de 200 traballadores", apuntou. "A Xunta de Galiza e o Goberno central teñen moito que dicir e non poden asistir ao desmantelamento da planta de Santa Bárbara como simples espectadores", engadiu o portavoz do BNG no Parlamento galego, que estivo acompañado de membros do Grupo Municipal do BNG.

O BNG entende que o Goberno español pode presionar e negociar como financiador e acredor de General Dynamics, dado o sistema de financiamento dos programas de armamento, que é resultado da colaboración entre os Ministerios de Industria e de Defensa, do que se beneficia a multinacional como contratista.

Como clave para garantir o mantemento dos postos de traballo na planta coruñesa, que é a única que General Dynamics pretende pechar en todo o Estado, Jorquera apostou, unha vez máis, por diversificar a produción ao eido civil, como o aeronáutico e o eólico.

 

 

Jorquera esíxelle á Xunta de Galiza e ao Goberno central a máxima implicación coa fábrica de armas