O BNG pide explicacións pola dimisión do Director da Asesoría Xurídica posto polo PP
A Coruña, 7 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira explicacións pola dimisión do director da Asesoría Xurídica, o Sr. Alfonso García Magariños. Precisamente, as nacionalistas reclamaran a súa destitución tras a actuación no caso Millán Astray e xa puxeran de manifesto que a estratexia xurídica do Concello da Coruña non era a máis axeitada, tal e como despois se demostrou, tanto na revisión do contrato de Albada e, nomeadamente, no caso Someso, a resultas do informe municipal de 15 de xuño de 2012 en relación á Fiscalía.
Visto que o Goberno municipal só acerta cando ten en conta as advertencias do BNG, as nacionalistas insisten en que debe destituír o director de Urbanismo do Concello, o Sr. César Otero Grille, por participar activamente na prórroga dunha licenza caducada para a construción dun aparcadoiro soterrado na parcela S-11 do S-7, Recinto Feiral de Someso, cuxo proxecto era da súa autoría. Ademais, o Grupo Municipal do BNG tamén empraza o Goberno do Sr. Negreira a reestruturar os departamentos de Urbanismo e tamén o da Asesoría Xurídica.
Caso Millán Astray
O 30 de agosto de 2011, o Grupo Municipal do BNG xa reclamara a dimisión ou a destitución do Sr. García Magariños, dada a actuación da Asesoría Xurídica no caso Millán Astray, en que as nacionalistas acusaran o Partido Popular de utilizar o Sr. García Magariños ao servizo e ditado do Sr. Negreira e do seu partido, e non con fins institucionais e de salvagarda e defensa do interese público.
No caso Millán Astray, o entón director da Asesoría Xurídica emitira un informe en que recomendaba non recorrer a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 da Coruña, de 1 de xullo de 2011, que obrigaba a restituírlle ao militar franquista a concesión de fillo predilecto. O grave é que neste informe omitiu a existencia dun fallo anterior do Xulgado Contencioso Administrativo nº1 da Coruña, de 28 de abril de 2011, que avalaba a legalidade de retirarlle as honras e distincións ao fascista. Esta sentenza do mes de abril era o argumento máis contundente para recorrer a do 1 de xullo de 2011.
O Grupo Municipal do BNG cualificara de "escandalosa" a actuación do Sr. García Magariños no caso Millán Astray, máxime cando os letrados do Concello si se opuxeran no seu momento ao recurso de apelación interposto pola Asociación de Veteranos de La Legión contra a sentenza do XCA nº1 de A Coruña, como tamén se opuxeron no seu momento á demanda xudicial da familia de Millán Astray. Estas actuacións procesuais nin sequera foron citadas no informe do Sr. Magariños. As nacionalistas xa advertiran do cambio na estratexia procesual do Concello, en só tres meses, respecto do caso Millán Astray.
Caso Albada
A 17 de decembro de 2011, o Grupo Municipal do BNG xa puxera de manifesto que a vía elixida pola Asesoría Xurídica para revisar a concesión de Albada era errónea e xuridicamente dubidosa. As nacionalistas sinalaran que a vía máis axeitada (art. 103 da Lei 30/2012) supuña a declaración de lesividade do acordo da Xunta de Goberno Local do 8 de abril de 2011 (no referido ao pagamento a Albada do 5% de gastos xerais e do 5% do beneficio industrial), previo trámite da audiencia ao concesionario e a súa posterior remisión ao Xulgado do Contencioso para que fose este quen declarase a conformidade ou non da revisión de oficio.
Pola contra, a vía elixida polo Goberno municipal (art. 102 Lei 30/1992) supuxo que o Concello lle remitise toda a documentación ao Consello Consultivo de Galiza para que este órgano emitise o seu ditame, preceptivo e vinculante. Finalmente, o Consello Consultivo informou desfavorabelmente da revisión de oficio e evidenciou a tramitación chapuceira do Goberno municipal no caso de Albada, tal e como denunciara o BNG. De feito, o Consultivo devolveulle o expediente ao Concello "co fin de que incorporase a aquel unha proposta de resolución do órgano consultante na que se especificase de xeito concreto a causa de nulidade que se entendía concorría no caso".
Unha vez máis, o BNG tiña razón e o propio Consello Consultivo reparou no que tantas veces insistiron as nacionalistas, que o procedemento e o momento non eran os máis oportunos e que había que esperar a unha auditoría. No seu ditame, o Consultivo recollía que "bótase en falta a incorporación ao expediente dalgún estudo ou auditoría que cuestione tal imposibilidade fáctica... "Mais, non existindo ningunha argumentación no expediente remitido neste sentido, non podemos senón concluír na falta de elementos de convicción que avalen a tese sostida polo concello...".
Caso Someso
No que respecta ao caso Someso, o Grupo Municipal do BNG reprobou, en numerosas ocasións, a estraxeria xurídica elixida polo Goberno municipal. En primeiro lugar, as nacionalistas salientan que a Fiscalía arquivou o caso pola mala formulación do escrito presentado polo Goberno do Sr. Negreira. E é que a Fiscalía resolveu arquivar a denuncia do Goberno municipal polo simple feito de que no escrito remitido desde o goberno nin se precisaba a identidade dos responsábeis nin se concretaban cales eran os delitos, tal e como lle advertira o BNG. Precisamente, as nacionalistas recomendáronlle, en máis dunha ocasión, ao Goberno municipal que se estimaba que se deran actuacións delitivas en Someso, o procedente sería formular querela criminal contra os responsábeis, o que obrigaría non só á súa identificación, con nomes e apelidos, senón tamén á determinación de cales serían os delitos presuntamente perpetrados.
Pola outra banda, ante a inoperancia do Goberno municipal e malia as reiteradas solicitudes do BNG, tiveron que ser as nacionalistas quen, a 17 de xaneiro de 2013, puxeran en coñecemento do Tribunal de Cuentas toda a documentación do caso Someso. Finalmente, e a remolque do BNG (anunciouno 3 semanas despois de ter presentado o BNG a documentación perante o Tribunal de Cuentas) o Goberno municipal decidía acudir ao Tribunal de Cuentas.
Ademais, o BNG leva insistindo meses e meses en que o Goberno municipal debería revisar de oficio os acordos da Xunta de Goberno Local de 29 outubro 2004 (autorización á Xunta de Compensación para inclusión no Proxecto de Compensación da enaxenación directa dos bens e dereitos municipais), de 30 setembro 2005 (aprobación definitiva do Proxecto de Compensación) e de 3 febreiro 2006 (corrección de erros do Proxecto), uns actos nulos de pleno dereito por seren resultado de prácticas e condutas delictivas. As nacionalistas levan tempo advertíndolle ao Goberno municipal de que mentres non se revisen de oficio estes administrativos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dificilmente cambiará o seu reiterado criterio xurisprudencial ao respecto, declarando que houbo expropiación. Así, o Grupo Municipal do BNG dirixiuse ao alcalde, en numerosas ocasións, para lle comunicar que as sentenzas do TSXG non van modificarse mentres subsistan xuridicamente os actos administrativos sobre os cales o propio Tribunal Superior resolveu en máis dunha ocasión declarando que houbo expropiación. As nacionalistas siguen agardando a que o Goberno do Sr. Negreira acceda, por fin, á revisión de oficio de tales actos.