"A soberanía será feminista ou non será": O BNG chama a participar nos actos do 8 de marzo
A Coruña, 7 de marzo de 2013.- Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o BNG da Coruña participa no acto lúdico-festivo que está convocado polos colectivos de apoio aos Centros de Orientación Familiar, mañá, venres, ás 20h, no Obelisco. A responsábel de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, esixe a restitución do COF do Ventorrillo e reclama garantir os dereitos sexuais e reprodutivos da muller.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG levou ao Pleno ordinario de marzo unha moción en que esixía a restitución do COF do Ventorrillo, que o Goberno municipal desenvolvese accións dirixidas a eliminar as desigualdades sociais e laborais que sofren as mulleres da nosa cidade, que o Concello defendese os dereitos das mulleres e se posicionase, así, contra a derrogación da Lei do aborto e que cumprise as medidas recollidas no II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes. Para evitar que se denunciasen en Pleno os recortes do PP en materia de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, o alcalde sacou de diante o asunto lendo un comunicado institucional que non foi acordado cos grupos municipais, un comunicado que as nacionalistas cualifican de "farsa" pola cantidade de mentiras recollidas.
Louro: A soberanía será feminista ou non será
Ademais de animar a cidadanía a participar no acto de mañá no Obelisco en defensa dos COF, Vitoria Louro chama a asistir á mobilización nacional convocada por organizacións feministas para este sábado, 9 de marzo, con saída da estación de tren de Compostela, ás 12.30h.
A responsábel de Acción Feminista do BNG apela ao lema da campaña das nacionalistas polo 8 de marzo, "A soberanía será feminista ou non será", e asegura que "só a través da autonomía, as mulleres terán unha vida digna". "Somos conscientes de que o nivel de autogoberno que ten hoxe Galiza é insuficiente para podermos abordar de maneira global unha política verdadeiramente eficaz, porque aspectos relevantes como a regulación dos permisos de maternidade, paternidade, permisos de aleitamento, excedencias, lexislación laboral... continúan a ser materia reservada ao Estado", sinala. "O feminismo engloba a defensa da terra, a capacidade das mulleres para decidir sobre a súa vida, a reivindicación dos dereitos lingüísticos, cívicos e políticos, tomar decisións sobre o propio corpo e todo isto lévamos a falar de Soberanía", engade.
As leis impulsadas polo PP están baseadas nos manuais da Sección Feminina da ditadura franquista
Louro advirte da importancia de que o pobo se rebele contra a política do Partido Popular, que impulsou leis "baseadas nos manuais da histórica Sección Feminina da dictadura franquista, unhas leis que atacan os alicerces da igualdade e cuestionan os dereitos das mulleres".
A responsábel de Acción Feminista do BNG sinala que co PP "se produciu unha substitución das políticas de igualdade por un discurso que ten por obxectivo reforzar o rol tradicional das mulleres, nomeadamente, a través da maternidade como destino das mulleres". "O Partido Popular desarmou as ferramentas e estruturas postas en marcha para a loita pola igualdade", denuncia.
E ti de quén ves sendo, nove mulleres relatan a súa loita
Louro explica que a campaña do BNG con motivo do Día Internacional da Muller non se limitará exclusivamente aos actos do 8 de marzo senón que terá continuidade durante todo o mes con diversas actividades, "detrás dos actos organizados durante todo o mes, existe un traballo do BNG nas institucións e lugares onde ten presenza".
Entre estas iniciativas, Louro destaca o vídeo "E ti de quen ves sendo", peza en que nove mulleres, África Sanmartín, Teresa Otero, Cristina Lerma, Wui Chem, Rocío Fraga, Rosa Gómez Reino, Sigrig Bouzón, Lola Outeral e Sabela Pena, falan das súas motivacións para combater en distintas loitas así como da súa relación co nacionalismo. Este vídeo será presentado na Coruña o martes, 12 de marzo, ás 20h, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.