Jorquera: "O BNG reivindica un tren para todas as persoas non só para as elites"

Jorquera: "O BNG reivindica un tren para todas as persoas non só para as elites"

A Coruña, 18 de abril de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, os portavoces municipais na Coruña e en Ferrol, Xosé Manuel Carril e Iván Rivas, e o responsábel comarcal, Paulo Carballada, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo con responsábeis do Sector Ferroviario da CGT, que lle trasladaron aos nacionalistas as consecuencias do desmantelamento do servizo ferroviario que vai acometer o Goberno central, en base ao real decreto lei 22/2012, e a súa aposta por un ferrocarril público e social.

En declaracións aos medios tras a reunión, na que participaron membros do Comité de Empresa de Renfe e coordinadores provinciais da CGT, Francisco Jorquera puxo de manifesto o alto grao de coincidencia do BNG coas demandas e preocupacións do Sector Ferroviario da CGT e advertiu da importancia de artellar un servizo de ferrocarril social que atenda “as necesidades de mobilidade de todas as persoas, non só das elites económicas que poden permitirse ir máis rápido a Madrid”.

Jorquera, que aludiu aos centos de iniciativas presentadas polos nacionalistas nas diferentes institucións en defensa dun tren de proximidade e dun tren público e social, sinalou que o BNG sempre apostou pola modernización da rede convencional, con dupla vía e redes electrificadas, cun gasto menor que as actuais infraestruturas para o tren de alta velocidade. Trataríase, expuxo, duns camiños de ferro que servisen para pasaxeiros e pasaxeiras e tamén para mercadorías. En relación á alta velocidade, afirmou que, unha vez construída parte da infraestrutura, ten que chegar a Galiza, para que a condición periférica do país non se vexa agudizada, mais advertiu de que “non pode ser a costa de degradar e desmantelar o tren convencional”.

“En vez de celebrar o centenario da chegada do tren en Ferrol, habería que celebrar a súa liquidación”

O portavoz parlamentar do BNG advertiu de que o tramo A Coruña-Ferrol é un dos que o Goberno central pretende desmantelar, ao reducir en 24 o número de frecuencias á semana. Segundo o borrador que posúen os sindicatos, o Partido Popular pretende deixar en 42 o número de frecuencias semanais no tramo A Coruña-Ferrol, en lugar das 66 frecuencias que unen ambas as cidades cada semana.

Jorquera sinalou que o tramo A Coruña-Ferrol, que acolle unha poboación dunhas 600.000 persoas, está programado para deixar o esmorecer o servizo. “Con apenas 10 km de distancia por mar e 50km por estrada, o tramo do tren non variou en cen anos e tan só conta con 5 frecuencias ao día e o traxecto dura 1h20min, case tanto como o AVE Madrid-Valencia”, denunciou. “En vez de celebrar o centenario da chegada do tren a Ferrol, cuxa conmemoración terá lugar o mes que vén, habería que celebrar a súa liquidación”, ironizou.

“O modelo ferroviario de Thatcher, o modelo dos accidentes é o que pretende impor o Partido Popular no Estado español”

O deputado nacionalista acusou a Feijóo e o seu goberno de colaborar e de seren cómplices co plan de Fomento, de cara a preparar o terreo para privatizar Renfe, tal e como se puxo de manifesto no debate dunha iniciativa presentada polo BNG no último Pleno do Parlamento de Galiza. Advertiu, ademais, dos perigos de privatizar o tren. Puxo como exemplo o caso de Inglaterra, cuxa privatización, a mans de Margaret Thatcher, deixou centos de mortos en máis de 2.000 sinistros ferroviarios. “O modelo ferroviario de Thatcher, o modelo dos accidentes, é o que pretende impor o Partido Popular no Estado español”.

Jorquera, que advertiu da discriminación á que se viu sometido o tren en Galiza, criticou que o Goberno central deseñara unha política pensada para deteriorar os servizos para poder xustificar, así, os peches de liña en base á rendibilidade económica. Fronte á destrución de liñas, o BNG, subliñou, aposta por mellorar as infraestruturas, os servizos e os horarios, porque o tren, engadiu, pode ser moito máis eficiente, ademais de sustentábel e respectuoso co medio, que a estrada.

Alberto Díaz (CGT): “O noso principal obxectivo é facer do ferrocarril un servizo público e social, de todos e de todas”

Pola súa banda, o secretario da Sección Ferroviaria da CGT en Galiza, Alberto Díaz, concretou as consecuencias que vai ter no noso país o real decreto lei aprobado polo Partido Popular: supresión de servizos e peche de estacións, como punto de partido á privatización de Renfe, que a partir do 31 de xullo deste ano será dividido en catro empresas. “O noso principal obxectivo é facer do ferrocarril un servizo público e social, de todos e de todas”, sinalou, “para logralo é imprescindíbel manter a seguridade e manter os trens convencionais”. Amosouse moi crítico o representante sindical cos investimentos en obras faraónicas en alta velocidade en detrimento do tren convencional, ao advertir de que “en vez de a 300km/h é posíbel ir a 200km/h dando un maior servizo e compatibilizando o transporte de pasaxeiros e pasaxeiras coas mercadorías”.

Alberto Díaz apuntou que a rendibilidade do ferrocarril debe ser social, e non económica e denunciou que o Estado cargue sobre Renfe e Adif o investimento que se leva feito até o de agora tanto en infraestruturas como en material, unha débeda que se lle endosa a Renfe e Adif para xustificar o desinvestimento e a futura privatización. O representante da CGT esixiu, ao igual que o BNG, que se invista no ferrocarril convencional para comunicar entre si as poboacións.

Golpe de morte do PP ás estacións con menos de 5 pasaxeiras ao día

Segundo a información da que dispoñen os representantes dos e das traballadoras, que tamén se verán prexudicadas pola restruturación do servizo, o Goberno central pechará as paradas con un pasaxeiro ou pasaxeira ao día e deixará só cun traxecto por día as paradas que empregan entre 1 e 5 persoas ao día. É o caso de Cecebre, Cambre ou Oza dos Ríos, vilas en que, practicamente, desaparecerá o servizo.

Jorquera, Carril, Ribas e Carballada comunicáronlle aos membros da CGT o total apoio do BNG para evitar o deterioramento do servizo ferroviario e a disposición a cooperar en trasladarlle ao pobo a dimensión social que vai ter o real decreto lei 22/2012, a porta que conduce á privatización do tren. O BNG e a CGT adiantaron que desenvolverán diferentes accións até a data tope, o 31 de xullo, contra o desmantelamento e deterioramento do ferrocarril.

 

Jorquera: "O BNG reivindica un tren para todas as persoas non só para as elites"