Os 79,5 millóns de débeda do Concello evidencian o fracaso do PP manexando os cartos do pobo
A Coruña, 18 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG salienta que os datos publicados polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas sobre a débeda das entidades locais a 31 de decembro de 2012 evidencia que o Goberno do Sr. Negreira está a levar o Concello da Coruña a unha situación financeira de deterioramento acentuado e evidencia o fracaso do Partido Popular manexando os cartos do pobo. De feito, nunca na historia, o Concello tivo maior volume de obrigas pendentes de pago e de cobro.
Este intenso deterioramento débese, sinalan as nacionalistas, ao incremento da débeda, calculada polo Ministerio de Facenda en 79,5 millóns e, sobre todo, ao brutal descenso do aforro, que se reduce nun 75% respecto do 2011, segundo os datos da liquidación do orzamento de 2012. Isto, engaden, evidencia que non hai recursos municipais para financiar os gastos ordinarios. De aí que o Concello se vexa obrigado acudir a operacións de crédito e a aumentar a súa débeda.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que a débeda real é moito maior que os 79,5 millóns reflectidos nas contas. E é que non se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 que, de contabilizarse, suporía unha débeda moi superior.
As nacionalistas cualifican de manifestamente falso o argumento do Goberno do Sr. Negreira relativo a que o incremento da débeda se debe ao pago a provedores (por obrigas pendentes de pago doutros exercicios). Lembran que, de acordo co informe de Intervención municipal, a 31.12.2012, había 7.612.875,68 euros de facturas no caixón pendentes de aplicar a orzamento (máis outros 211.238,62 do IMCE). Do mesmo xeito, as obrigas pendentes de pago a 31.12.2012 eran de 29,94 millóns de euros, saldo superior ao do 2011.