O Sr. Negreira non sabe ou non quere saber da intención dos promotores e da Xunta no Ofimático
A Coruña, 16 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao sr. Negreira que opina sobre o que di Xestur, a través do prego de bases de concurso para a venda da parcela Z-14 do polígono do Ofimático, de que non está garantida a execución das obras de urbanización da totalidade do polígono e na que se recoñece a posibilidade da urbanización por partes, cando a semana pasada rexeitou a proposta dos promotores de urbanizar unha parte e de afirmar que se continuaría coa urbanización de todo o polígono. O BNG solicítalle que se posicione para evitar prexudicar máis as persoas desaloxadas e os cooperativistas.
O BNG apunta, ademais, que no mesmo prego de bases publicado no día de onte se evidencia que a Xunta non pagou as cotas de urbanización e pregúntase a que agarda o sr. Negreira, para cobrar, pola vía de apremio, as cotas de urbanización, e poder, así, garantir a execución das obras de urbanización e cumprir co proxecto.
As nacionalistas subliñan que chama a atención non só a coincidencia temporal entre o sinalado por parte de Xestur-Xunta e a proposta presentada a pasada semana polos promotores, senón a coincidencia de intereses, que pon de manifesto que hai un acordo entre Xunta e promotores para que se fagan as obras de urbanización por partes. Dá a sensación de que o sr Negreira non se enteira, ou non se quere enteirar ou ben ten coñecemento e cala a boca, apuntan os nacionalistas.