O Grupo de Barrio do BNG de Monte Alto recuperou o espírito máis actual de Moncho Valcarce
A Coruña, 2 de febreiro de 2013.- Provocoume unha auténtica revolución, para min era un heroe, unha figura excepcional, mítica... mais el non quería selo, el loitaba por ser un máis, loitaba en pé de igualdade... Descubriume o país e o nacionalismo. O seu compromiso como cristián galego, unha persoa que procedía da pequena burguesía, optou por estar ao pé das clases populares e desfavorecidas e fixo todo isto sempre loitando contra o individualismo e o mesianismo, tan presentes hoxe en día no labor político. Con estas palabras a poeta Pilar Pallarés expresaba a pegada que deixou na súa traxectoria Moncho Valcarce, aquel cura que daba as misas en Sésamo, Culleredo, cando ela só tiña 16 anos.
A intervención de Pilar Pallarés teceu o acto de homenaxe a Moncho Valcarce organizado polo Grupo de Barrio do BNG de Monte Alto. Tras a ofrenda floral, a poeta aludiu ao enigma que sempre xurdiu ao redor desta figura, que se definía a si mesmo como bloqueiro e que presumía diso. Era revolucionario, loitaba sempre do lado das persoas máis desfavorecidas, sobre todo, dos labregos, e, á vez, era crente, sinalou. Lembrou Pallarés a participación de Moncho Valcarce nas Encrobas, nas Enchousas, contra a cota empresarial ou contra a cota leiteira, cando se ingresou no Mercado Común. El xa era moi crítico coa entrada no mercado común e advertía xa daquela o que se nos ía vir enriba, salientou.
A política como luz ao servizo do ben común e non para conquistar a cúspide da pirámide social
Pilar Pallarés fixo fincapé no significado que tivo sempre a actividade política en Moncho Valcarce, que chegou a ser concelleiro do BN-PG e do BNG. Hoxe en día, nun tempo de desprestixio interesado da política, sería moi necesario que Moncho estivese con nós, apuntou.
Leu, a continuación, un extracto do traballo O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta, Galiza, escrito por Moncho no 1987 cando foi enviado para Salamanca co fin de reeducalo. A política non a entendemos como actividade para conquistar a cúspide da pirámide social e acadar o gobeberno dun estado nin tampouco como loita para encaramarse ao aparato estatal e exercer o poder social en servizo dos intereses de grupos ou de clase social. Tampouco como o libre xogo das diversas fraccións que exclúen a través duns sistemas electorais sabiamente calculados e manipulados a gran masa do pobo da esfera das decisións económicas. O termo política contemplámolo á luz do servizo como función pedagóxica, actividade orientada á educación do pobo no sentido de espertar o espírito de corresponsabilidade social e crítico, espertar a necesidade de organizarse para loitar con garantias de triunfo contra as agresións, contra a inxustiza que a diario sofren, tamén como dispoñibilidade na loita a favor ben común, salientou.
Explicou Pallarés que Moncho Valcarce entendía por ben común a promoción da xustiza dos dereitos humanos, individuais e colectivos, a loita contra toda corrupción, a defensa do dereito daquelas nacións oprimidas por un estado e ás que se lles nega a soberanía.
Non se pode ser cristián ordenado presbítero sen asumir un compromiso liberador
Por último, a poeta, citou unhas palabras de Moncho, aínda moi actuais máis de 25 anos despois, non se pode ser cristián ordenado presbítero sen asumir un compromiso liberador, pois somos fillos dunha nación oprimida á que se lle negan dereitos tan esenciais como o da autodeterminación e na que malviven xentes explotadas marxinadas e devoradas por un neocolonialismo brutal.
Como o día do seu enterro, o Himno volveu soar por Moncho para rematar a homenaxe que, cada ano, lembra o crego das Encrobas no cemiterio de Santo Amaro.
Podes ver unha parte da intervención de Pilar Pallarés picando nesta ligazón.