O BNG formulará un rogo oral para que o Goberno municipal deixe de reprimir o pobo nos Plenos
A Coruña, 3 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG formulará mañá en Pleno un rogo oral para que o Goberno do Sr. Negreira deixe de reprimir as persoas que acoden ás sesións plenarias. E é que, tal e como expón a concelleira nacionalista Avia Veira no rogo presentado, nos últimos tempos, é unha constancia o acoso ao que se ve sometido o pobo que pretende asistir aos plenos. Cita, entre outros casos, a utilización partidista da policía para disuadir a veciñanza de presenciar as sesións plenarias ou a obriga de apagar os dispositivos de teléfono móbil. Así, denuncia que en canto os veciños e veciñas moven un dedo xa ha¡ orde de que os boten fóra.
Avia Veira sinala que o pobo cada vez se sente máis afastado das institucións que se supón que o teñen que representar e das persoas que temos o deber de representalo. As actitudes despóticas deste Goberno municipal e mais da organización política que o ostenta están a rematar coa democracia, advirte.
Así, a concelleira do BNG reclamará mañá en Pleno que o Goberno municipal deixe o pobo asistir con liberdade ás reunións dos seus organismos, que deixe de empregar a Policía Local para disuadilo e que promova o cumprimento das disposicións do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá que permiten participar directamente a cidadanía nas reunións do Pleno.