Grazas ás subvencións do Concello, a alta dirección da Cía de Tranvías recibiu 480.606 euros no 2012
A Coruña, 29 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que, grazas aos 8,74 millóns recibidos pola Compañía de Tranvías en concepto de subvencións do Concello da Coruña, a alta dirección da empresa recibiu 480.606 euros, segundo reflicten as súas contas de 2012. Ademais, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que malia os 4,66 millóns de euros que a empresa tivo como beneficio no 2012, non dedicou nin un céntimo a melloras en I+D+i.
Neste contexto, o BNG critica que mentres a Compañía de Tranvías se enriquece por conta do Concello, as persoas usuarias do bus vaian ter que pagar máis polo billete ordinario, que sobe a 1,30 euros, e polo bonobús xenérico, que sobe a 0,85 euros. As nacionalistas culpan o Partido Popular desta inxustiza. Lonxe de acometer a necesaria revisión da concesión da Compañía de Tranvías e de revisar a fórmula para o cálculo da tarifa, o PP dedicouse a encarecer o prezo do bus, o que provocou que o servizo de transporte urbano da Coruña sexa dos máis caros do Estado, segundo denunciou a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).
O BNG denuncia que desde que o Sr. Negreira é alcalde da Coruña, encareceu o billete xeral en 15 céntimos e o bonobús xeral, en 12 céntimos. As persoas con máis dificultades económicas (pensionistas, estudantado, persoas con discapacidade, persoas no desemprego) non foron alleas ao encarecemento do bus, xa que o PP, desde que goberna na Coruña, lles subiu o bonobús 7 céntimos.