O BNG denuncia que a relación de tramos do canon de Nostián é ilegal
A Coruña, 28 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que os tramos da táboa que aprobou no día de onte a Xunta de Goberno Local no que se estabelece o canon que o Concello terá que pagar por cada unha das tonelaxes que entran na planta de tratamento de residuos de Nostián son ilegais e implican unha modificación das condicións económicas da concesión.
As nacionalistas sinalan que a oferta económica da empresa aprobada no proxecto básico polo Pleno o 19 de outubro de 1998 facíase sobre o compromiso da empresa de tratar 182.500 tn/ano e sobre isto estabelecíanse uns baremos, así a produción menor de 170 mil tn/ano tiña un canon de 4682 ptas + 8% (=5057 ptas) e a produción maior ou igual a 180 mil tn/ano tiña un canon de 4682 ptas. Tamén lembran, as nacionalistas, que a modificación do canon pola Xunta de Goberno Local de 15 de outubro de 2004 por incremento de custes revisou e aprobou o canon entre 180 mil e 190 mil tn/ano, só sobre esta cuantía. Por tanto, os tramos que se acordaron unilateralmente no día de onte nin estaban nos pregos administrativos, nin na oferta económica, é dicir, non estaban nas previsións iniciais do contrato de concesión, só había un mínimo e un máximo, e ademais, salientan as nacionalistas, modifican as condicións económicas.
As nacionalistas denuncian que a incorporación dos tramos aprobados unilateralmente polo Goberno do sr Negreira no día de onte, cando non existían, é ilegal porque implica unha modificación das condicións económicas, cando o normal sería pagar conforme os termos da concesión e da oferta económica, e ao mesmo tempo beneficia nidiamente á empresa, en prexuízo do concello, que vai cobrar máis por entrar menos tonelaxe de residuos. É dicir, o concello vai pagar máis á concesionaria por tratar menos residuos.
Por último, o Grupo municipal do BNG pregúntase para que se contratan as auditorías externas se logo non se empregan. As nacionalistas acusan o Goberno do sr. Negreira que ademais de agachalas e dilatar os prazos para non as dar a coñecer á cidadanía e ao BNG, non as utiliza dado que aproba o canon aplicábel aos distintos tramos de tonelaxe de entrada de residuos na planta de Nostián sen as ter en conta logo de transcorrido máis de un ano no seu poder.