O BNG agasalla o Sr. Negreira cun rosario e bérralle "fóra rosarios dos nosos ovarios"
A Coruña, 30 de decembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego amosou, simbolicamente, o seu profundo rexeitamento á reforma da lei do aborto a través dun rosario co que as nacionalistas agasallaron o alcalde da Coruña e presidente provincial do Partido Popular, Carlos Negreira. En declaracións aos medios, antes de facer entrega do rosario no rexistro municipal, a responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, puxo de manifesto que as mulleres do BNG en particular e as mulleres feministas en xeral non nos cansaremos de berrar que non queremos os seus rosarios nos nosos ovarios e que loitaremos contra esta reforma da lei do aborto coa que nos ten amezadas a Conferencia Episcopal baixo o seu brazo executor: o Partido Popular. Non hai maior inimigo das mulleres que a Conferencia Episcopal, fascista e patriarcal, e, polo tanto, o PP, que se axeonlla aos seus ditados, engadiu.
Nesta liña, Vitoria Louro explicou que o BNG agasalla o Sr. Negreira cun rosario dada a querencia que teñen as persoas do PP de recorrer a pregarias a imaxes relixiosas para agochar a súa incompetencia á hora de formularlle solucións á cidadanía. Aludiu ao momento en que o propio alcalde da Coruña lle imploraba á patroa da cidade na ofrenda realizada durante a función do voto para que intercedese pola xente que peor o está pasando e ás pregarias da ministra Fátima Báñez, que facía o propio co Virxe do Rocío.
A responsábel de Acción Feminista do BNG sinalou que a proposta de reforma responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria, ataca os dereitos reprodutivos das mulleres, ataca o dereito ao control dos nosos corpos e ataca o control das nosas vidas. E non só o decimos as mulleres, tamén o di a Organización Mundial da Saúde (OMS), que cualifica como violación do dereito á igualdade e á nosa discriminación por razón de sexo a penalización do aborto, engadiu. Salientou que a propia OMS alerta dos perigos de exixir a autorización de terceiros ou a denuncia previa por violación para poder interrumpir o embarazos xa que só levarán á clandestinidade e a máis mortalidade.
Esta lei defendida polos mal chamados provida só provocará que as mulleres que tomen a decisión de abortar o fagan de dúas maneiras: viaxando, no caso das favorecidas económicamente, ou poñendo en risco a súa vida, acudindo a métodos clandestinos que pensabamos que xa estaban esquecidos, afirmou. Vitoria Louro foi contundente ao advertir de que prohibir o aborto non impide que se siga practicando; aínda que sexa ilegal abortar, o aborto non o vai desaparecer.
Seguirán a matarnos, obrigándonos a acudir a métodos clandestinos e inseguros cando queiramos decidir que non queremos seguir adiante con un embarazo
Ademais, a responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG denunciou que o compoñente oculto detrás da posición do PP e non é outro que querer que a muller ocupe na sociedade o rol de nai e coidadora. Todas as medidas que están a tomar os gobernos do PP implican que as mulleres asumamos o papel de submisas ao home, polo tanto, seguirán a matarnos como lle pasou a Isabel, a muller de Marín asasinada polo seu compañeiro. Seguirán a matarnos, tamén, obrigándonos a acudir a métodos clandestinos e inseguros cando queiramos decidir que non queremos seguir adiante con un embarazo, alertou.
Pola súa banda, a concelleira Avia Veira deu conta da solicitude rexistrada polo BNG no Congreso para que comparezan Gallardón e Mato, co fin de que dean conta do brutal ataque aos dereitos das mulleres que representa a reforma do aborto. Avia Veira tamén anunciou a presentación de mocións en todos os concellos da comarca contra este anteproxecto de lei.