O Goberno licita a redacción do proxecto de legalización do Conde de Fenosa
A Coruña, 1 de marzo de 2015.-O Goberno local vén de licitar a contratación, mediante procedemento negociado e por un importe de 72.600 euros, do servizo de redacción dun proxecto técnico de legalización e de execución das obras de demolición necesarias do edificio Conde de Fenosa.
Desta maneira o Goberno do Sr. Negreira asume o pagamento deste proxecto técnico para a execución da sentenza no canto de llo ter exixido a Martinsa Fadesa, principal responsábel desta actuación ilegal e que non asumiu as responsabilidades que lle corresponde na execución da sentenza e nin sequera se opuxo ao último recurso presentado ante o Tribunal Supremo, deixando caducar o prazo de contestación.
As nacionalistas lembran que ao gasto desta nova contratación haille que sumar os 46.083,43 euros do erario público gastados en informes externos por parte do Sr. Negreira para adiar o asunto e así gañar tempo, ao tempo que supliron a inacción e pasividade de Martinsa Fadesa. O BNG quere lembrar neste sentido pago do informe para analizar a situación urbanística do edificio e o axuste ao planeamento por valor de 7.253 euros, no pasado mes de novembro de 2014, ao arquitecto Carlos Trabazo, que ocupou cargos directivos na mesma empresa que executou as obras ilegais deste edificio. Tamén quere lembrar o BNG o informe deste propio arquitecto, en xuño de 2012, por valor de 18.179,50 euros, e o informe do xurista Rafael Gómez-Ferrer, en xullo de 2012, por un total de 20.650 euros (informes, estes dous últimos, para avaliar a viabilidade técnica da demolición das obras de rehabilitación do edificio Conde de Fenosa e sobre a imposibilidade de execución da sentenza do TSXG de 20 de decembro de 2001, e que de nada serviron, dado que o Tribunal Supremo fallou en contra do incidente plantexado polo Concello).