Estafa social: a cidadanía paga máis polo lixo cando a reciclaxe é practicamente nula en Albada
A Coruña, 30 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que a estafa social da reciclaxe leva a cidadanía a pagar máis cartos por un servizo que é practicamente nulo. As nacionalistas denuncian que as persoas que viven na cidade teñen que pagar máis cartos cando apenas se están a reciclar refugallos na planta de Nostián. Sinalan, ademais, que é imposíbel que a empresa poida garantir a reciclaxe cando despediu 11 empregados.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG salienta que fronte a mínima baixada dos depósitos de residuos aducido pola empresa para xustificar os graves laborais e os despedimentos de traballadores, Albada rexistrou un incremento na facturación do canon do lixo no primeiro trimestre do 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre do 2012. Ademais, o grupo Urbaser, ao que pertence a concesionaria que explota a planta de Nostián, obtivo máis de 146 millóns de euros en beneficios no 2011. De aí que o BNG considere un despropósito as pretensións de Albada de desmantelar o convenio colectivo, de reducir un 25% o salario do persoal e do aumento da xornada laboral semanal. Engaden as nacionalistas as críticas a esta concesionaria que, segundo o Comité de Empresa, está a utilizar os traballadores despedidos como reféns.
O Sr. Negreira non pode limitarse a pedir diálogo entre empresa e traballadores
O Grupo Municipal do BNG esixe a obrigada implicación do Goberno do Sr. Negreira no conflito que sofren os empregados, dado que se trata dunha concesión municipal que supón, insiste o BNG, unha estafa para a cidadanía. As nacionalistas reproban a actitude servil do alcalde coa empresa e o seu desprezo aos traballadores. De feito, nin o alcalde nin o concelleiro de Medio Ambiente atenderon a solicitude de reunión cursada polo Comité hai xa máis de mes e medio para buscar unha pronta saída. Así, indican que o alcalde ten que ser axente activo e que non pode limitarse a pedir diálogo entre empresa e traballadores.