Mes e medio despois, Fenosa pon medidas de seguridade no transformador de Palavea
A Coruña, 31 de xullo de 2013.- Esta mañá a veciñanza de Palavea espertou cunha agradábel noticia: a colocación de valados e sinais de perigo por parte dun técnico de Fenosa no perímetro do transformador eléctrico do Campo da Pena. Trátase dunha demanda reiterada pola veciñanza e polo Grupo Municipal do BNG desde que o pasado 16 de xuño tivo lugar o desprendemento da cornixa do transformador, que provocou un forte chispazo, un apagón en Palavea e a suspensión da festa do barrio.
Despois de que veciños e veciñas chamaran a Fenosa, a electricidade foi reestabelecida no barrio e a policía local precintou o parte do perímetro do transformador. Malia os chispazos frecuentes nos días de chuvia e malia as fendas de importancia, non se acometeu mellora ningunha no transformador alén da colocación da cinta da policía local. De feito, até onte mesmo podían verse ao pé do transformador os cascallos desprendidos da cornixa.
O Goberno municipal segue sen dar sinais de vida malia as iniciativas presentadas polo BNG e pola veciñanza
Unha vez coñecido o chispazo con grave risco de incendio, o Grupo Municipal do BNG presentou a 26 de xuño unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de pór en coñecemento do Goberno municipal o acontecido co transformar e para se interesar polas medidas que prevía adoptar o Concello para acabar co constante perigo do transformador que, ademais, se atopa nunha zona frecuentada por nenos e nenas. Ademais, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, que visitou a semana pasada o barrio, envioulle un escrito ao alcalde para lle solicitar unha reunión coa veciñanza do barrio, co fin de rematar co perigo derivado do lamentábel estado en que se atopa o transformador, solicitude que non tivo resposta.
Pola súa banda, a 3 de xullo, unha das habitantes de Palavea, presentou por rexistro un escrito avalado polas sinaturas de máis dunha trintena de habitantes de Palavea para que o Goberno municipal emprazase a Fenosa a arranxar de inmediato o transformador. Esa mesma mañá, a policía local impedíalle a esta veciña o acceso ao interior do concello para manter unha reunión con Carril, razón pola que a reunión sobre o estado do transformador tivo lugar nos soportais de María Pita.
Malia o evidente perigo derivado do estado lamentábel do transformador, o Goberno municipal fixo oídos xordos ás demandas da veciñanza e, máis de mes e medio despois de que tivera lugar o apagón, non deu sinais de vida. A día de hoxe, o Sr. Negreira aínda non contestou o escrito presentado por unha trintena de veciños e veciñas de Palavea nin á solicitude do BNG de reunión coa veciñanza. De aí que as nacionalistas denuncien o desprezo do Goberno municipal cara ás veciñas e veciños deste barrio, cuxa integridade física correu perigo ao longo de mes e medio polos chispazos do transformador.