O Goberno municipal melloroulle a Defensa as condicións urbanísticas do cuartel da Agrela

O Goberno municipal melloroulle a Defensa as condicións urbanísticas do cuartel da Agrela

A Coruña, a 18 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira melloroulle ao Ministerio de Defensa as condicións urbanísticas do Polígono da Agrela (POL-L31, Cuartel de Automobeis), ao tempo que deixaba vencer o prazo de 4 anos para solicitar a reversión do terreo.

Así, a respecto do indicado no PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009, o Goberno municipal incrementoulle a edificabilidade deste polígono nun 31,24 por cento e suprimiu as reservas para equipamentos públicos, logo de aceptar as alegacións fomuladas polo Ministerio de Defensa ao PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009. Tal e como figura no convenio urbanístico de 15 de xullo de 2009, asinado entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa, Defensa non pode enaxenar os terreos sen a conformidade previa do Concello da Coruña aos pregos da poxa pública dos mesmos.

O incremento da edificabilidade do Polígono e supresión da reserva de equipamento

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno municipal estimou as alegacións que o Ministerio de Defensa formulara ao PXOM de 2009 e incrementou a edificabilidade do polígono, pasando dos 71.452,68 m2 do PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009 aos 93.775 m2 do PXOM aprobado provisionalmente en agosto e decembro do 2012 (o que representa un incremento do 31,24 %). Nesta mesma liña, o PP tamén aceptou suprimir a reserva de equipamento local que, cunha superficie de 9.720 m2, se fixaba no PXOM aprobado inicialmente. E todo isto, advirten as nacionalistas, tendo en conta que o Concello da Coruña participa no 50 por cento das plusvalías, de conformidade co estipulado no convenio urbanístico de 15 de xullo de 2009, asinado entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa (cláusula segunda do convenio).

O Goberno municipal di agora que quere solicitar a reversión cando antes deixou vencer intencionamente o prazo de 4 anos para facelo, malia as advertencias do BNG

O Grupo Municipal do BNG sinala que no texto do citado convenio urbanístico figura expresamente que dos 75.628,30 m2 do Acuartelamento, 50.325 m2 (o 66,54%, as 4/6 partes) foron cedidos polo Concello a Defensa para “fins estritamente militares”.Consta tamén no convenio que, por resolución do Secretario de Estado de Defensa, de data 29.04.2009, foi desafectada e declarada alienábel a área deses 75.628,30 m2. Unha vez desafectada ao uso militar, o Concello da Coruña tiña dereito á reversión dos terreos cedidos, é dicir, á reversión dos 50.325 m2.

E este dereito a reversión, apuntan as nacionalistas, é independente de que os terreos estivesen máis de 30 anos destinados ao uso previsto (o militar). O Tribunal Supremo ten ditado Xurisprudencia ao respecto, desde o ano 2006 (até entón non habia Xurisprudencia consolidada), no senso de que aínda que os bens cedidos estivesen destinados ao uso previsto durante máis de 30 anos, se este uso deixa de selo, o cedente (neste caso o Concello da Coruña) ten dereito á reversión. É dicir, desde o ano 2006 a posición do Tribunal Supremo é clara e contundente ao respecto. A STS de 21 de febreiro de 2006 analiza un suposto idéntico. Pero, tal e como se precisa nesta sentenza, o exercicio do dereito á reversión debe formularse no prazo dos 4 anos seguintes á desafectación, polo que, producida a desafectación o 29.04.2009, o Concello tivo de prazo até o 29.04.2013 para solicitar a reversión.

Para que o Ministerio de Defensa poida vender os terreos en poxa pública necesita que o Concello preste antes a súa conformidade e aceptación aos pregos da citada poxa

Tal e como figura no convenio urbanístico de 15 de xullo de 2009, asinado entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa, o Ministerio de Defensa non pode enaxenar os terreos sen a conformidade previa do Concello da Coruña aos pregos da poxa pública dos mesmos, advirte o Grupo Municipal do BNG. En efecto, o Ministerio de Defensa (e así figura na cláusula cuarta do convenio en cuestión) pode desafectar (e de feito, xa o fixo), declarar alienábeis os terreos e vendelos en poxa, pero, para isto, debe contar previamente coa aceptación dos pregos por parte do Concello da Coruña.

O Goberno municipal melloroulle a Defensa as condicións urbanísticas do cuartel da Agrela