O BNG critica que o Goberno municipal substitúa os servizos sociais pola beneficencia e a caridade
A Coruña, 17 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira considere os servizos sociais como unha cuestión de beneficencia e de caridade e non como un dereito das persoas. Por iso, as nacionalistas, que acusan o PP de practicar unha política de caridade no lugar de prestar política social, critican que o Goberno municipal alardeara, esta mañá, de reforzar os servizos sociais por darlle unha axuda de 60.000 euros a Cáritas. Ademais, no modificativo de crédito aprobado inicialmente polo PP o Goberno municipal destinou 92.000 euros en axudas para entidades benéfico-sociais.
O Grupo Municipal do BNG non cuestiona o labor que están a desenvolver as entidades benéficas, senón o que está a facer o Goberno do Sr. Negreira: substituír un dereito pola caridade e desmantelar os poucos servizos sociais que existen na Coruña. Aluden á criticada descentralización da atención social nos centros cívicos e á supresión da persoa profesional de referencia. Advirten de que para ocultar a descentralización dos servizos sociais comunitarios, o Goberno municipal dedícase a darlle cartos á entidades benéfico-sociais.