O Goberno do PP non estabelece ningunha medida cos esqueletes de edificios sen rematar
A Coruña, 22 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que coa aprobación da ordenanza para a intervención e control na execución de obras, implantación de instalacións, actividades ou servizos, que contou co voto en contra do Bloque na sesión plenaria de onte, o Goberno Municipal non estabelece ningunha medida cos esqueletes ou edificios sen rematar que existen na nosa cidade.
A ordenanza aprobada no día de onte fixa no artigo 24 as condicións de caducidade e perda de efecto das licenzas urbanísticas. Entre os supostos, o c), di: que cando se interrompese a execución das mesmas por tempo superior a seis meses. Porén, o BNG denuncia que non se estabelece ningunha medida encamiñada a facer algo co xa construído, como acontecería coas obras interrompidas na súa execución por un tempo superior a seis meses. E é que a ordenanza só formula a petición dunha nova licenza, mais é unha incógnita coñecer que pasará cos numerosos esqueletes ou edificios sen rematar.
O Grupo Municipal do BNG propuxo no pleno que a ordenanza contemplase a exixencia da reposición do solar a un estado anterior e o acondicionamento deste estado para uso público cunha pequena intervención para contrarrestar as situacións de esqueletes e edificios a medio facer en distintos puntos da cidade, mentres os propietarios non decidan acometer novas intervencións suxeita a licenza.
O PP non lles exixirá ás compañías eléctricas a retirada inminente dos postes da luz
Pola outra banda, o Goberno do Sr. Negreira tampouco lle vai exixir ás compañías eléctricas a inminente retirada dos postes eléctricos que campan en moitas rúas da cidade durante moito tempo despois de rematadas as construcións porque ás compañías eléctricas non lles vén en gaña sacalos. En relación co artigo 23.4 da nova ordenanza, no que se fai mención á suspensión do procedemento de licenza de primeira ocupación, entre outras cousas pola presenza de postes eléctricos, o BNG sinala que a presenza dos postes eléctricos unha vez finalizadas as obras non é capricho de quen promove senón que é culpa das compañías eléctricas. Estas empresas, engaden as nacionalistas, actúan ao ritmo que elas queren e non retiran os postes até que lles veña en gaña. De aí, que o Grupo Municipal do BNG expresara onte en pleno que o Concello debería de elaborar unha normativa ao respecto para exixirlles ás entidades eléctricas a inminente retirada dos postes eléctricos unha vez finalizadas as obras.
Unha ordenanza que supón un resumo da política levada polo Partido Partido Popular de liberalizalo todo, mentres adelgaza a Administración Pública
Por último, o Grupo Municipal do BNG salienta que a citada ordenanza supón un resumo da política levada polo Partido Popular de liberalizalo todo, mentres adelgaza a Administración Pública. Esta ordenanza, tal e como advertiron as nacionalistas en sesión plenaria, fundaméntase na directiva europea 2006/2013, da Unión Europea, para a libre implantación de servizos nos distintos estados membros. Esta directiva ten como finalidade principal conseguir un mercado interior de servizos, obrigando a simplificar os procedementos e trámites aplicábeis ao acceso dunha actividade de servizos e o seu exercicio, eliminando todos os obstáculos xurídicos administrativos para o seu desenvolvemento e eliminando o control público.
O BNG critica que se elimine, practicamente, o control público ao estabelecer esta normativa que o acceso a actividade de servizos e o seu exercicio non deberá estar suxeito a un réxime de autorización, salvo por xustificación imperiosa. Isto significa que o Concello pasa de ser a entidade que autoriza a ser un simple espectador do que acontece na propia cidade. E a única baza que lle queda, engaden as nacionalistas, é a da inspección municipal, notabelmente mermada polas mesmas políticas europeas que manda adelgazar á Administración Pública, e que os gobernos do Estado obedecen sen rechistar.