A aposta do PP de peonalizar a Cidade Vella está pensada para o negocio dos aparcadoiros
A Coruña, 22 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG empraza o alcalde, despois das declaracións do Sr. Negreira en relación coa oferta de estacionamento para a veciñanza unha vez comece a peonalización do casco vello, a deixar de botar cortiñas de fume, pois a súa aposta en relación coa peonalización e co estacionamento xa se sabe hai tempo cal é.
As nacionalistas afirman que esta aposta non é outra que a sinalada no PEPRI inicialmente aprobado. O BNG salienta que as medidas alí contempladas evidencian que o plan de peonalización da Cidade Vella está pensado para o negocio dos aparcadoiros en superficie (ORA) e os aparcadoiros de pago, sinaladamente o do Parrote de Copasa, e non para a mobilidade dos peóns.
As nacionalistas sobrancean que as directrices deste documento están encamiñadas non para eliminar o tráfico de vehículos senón para reordenar a circulación e reconducilo para os aparcadoiros que hai que pagar. Así proponse unha reordenación da circulación viaria, aproveitando os multimillonarios túneles da Mariña-Parrote, ao mesmo tempo que se fai unha nova distribución dos aparcadoiros na rede viaria e se deriva aos aparcadoiros de pago, en concreto, aos soterrados e de nova creación como o do Parrote.