O Goberno do PP confirma que as hortas urbanas serán de pago
A Coruña, 28 de xullo de 2014- Á vista da documentación aprobada esta mañá en Xunta de Goberno Local, o Grupo Municipal do BNG lamenta a teima do Sr. Negreira por estabelecer que as hortas urbanas sexan de pagamento, mesmo para as persoas con menos recursos, e que non sexan de balde, tal e como veñen reclamando as nacionalistas. Así, as bases da convocatoria relativa á concesión das autorizacións de uso para os hortos urbanos de Novo Mesoiro alúdese aos prezos da Ordenanza Fiscal nº43, que fixa como tarifa xeral un pagamento de 25 euros ao mes e unha cota de inscrición de 50 euros e como tarifa social unha cota de inscrición de 50 euros. Esta tarifa é de aplicación ás persoas acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM, que en 2014 está fixado en 7.455,14 euros ao ano no caso de ter 14 pagas ou en 6.390,13 euros ao ano no caso de ter 12 pagas.
O Bloque critica que as bases da convocatoria aprobadas na mañá de hoxe recollan na súa introdución que o Concello pretende formular unha alternativa de autoconsumo de produtos naturais que sen dúbida servirán de apoio ás economías familiares e salienta os beneficios económicos derivados do consumo propio de produtos alimenticios cando, á vez, se estipula unha cota de inscrición de 50 euros para as persoas con menos recursos. Unha persoa que cobra ao redor de 530 euros ao mes, advirten as nacionalistas, non pode permitirse aboar 50 euros por inscribirse nas hortas urbanas, máxime tendo en conta que terán que adquirir os aparellos de labranza, sementes... necesarios para o cultivo.
O Grupo Municipal do BNG sinala que no canto de ter gastado 161.500 euros (171.849,82 euros co IVE incluído) na execución das obras de construción e acondicionamento das hortas, o Goberno do Sr. Negreira debería ter investido eses cartos en garantir o uso de balde para a cidadanía. Neste sentido, as nacionalistas lembran as súas críticas polo gasto desmesurado da construción das hortas tendo como referencia a iniciativa social do val de Feáns, cuxo custo foi de 3.000 euros.