O BNG pide que o 24 de xuño sexa declarado festivo de xeito permanente
A Coruña, 28 de xullo de 2014- Sobre o acordo adoptado en Xunta de Goberno Local na mañá de hoxe para fixar como festas locais en 2015 o martes de entroido e o San Xoán, o Grupo Municipal do BNG amosa a súa satisfacción pola elección do 24 de xuño como festivo, dada a grande implantación popular desta festa galega e de barrios que conta cuns ricos e vizosos costumes. Porén, o Bloque reitera que o San Xoán debe ser declarado festa local a efectos laborais de forma permanente e non só de xeito puntual.
Desde hai tempo, o BNG vén reclamando non só no Parlamento Galego senón tamén no propio Concello da Coruña que o 24 de xuño se declare festivo de maneira permanente, ben pola Xunta de Galiza, ou ben polo Concello da Coruña. Neste último caso, se a festa local cadrase co festivo a nivel galego non habería ningún problema pois o Concello da Coruña podería cambiar esa festividade a nivel laboral por outra.